lunes, diciembre 29, 2008

De libros e de libres

Cando me decatei de que tiñan pasado dez anos sen ler un só libro decidín abandonar aquel traballo. Desprezar un bo salario e un contrato indefinido por unha razón aparentemente tan romántica pode parecer unha tolería nestes tempos de pensamento único nos que a felicidade só se relaciona coa crecemento exponencial da conta corrente mais par os que amamos o libro a rutina diaria só é levadeira se se lle cumpre o gusto aos sentidos. Temos que saciar a fame de lectura cunha boa enchenta de páxinas. Se poden ser cinco comidas diarias mellor que tres, e por suposto a dieta ten que ser variada en xéneros, rexistros e temas. A fuxida tiña un destino moi claro e malia ter as destrezas e a ferramenta para o traballo noutros oficios decidín que tiña que ir a vivir e tolear nun depósito de libros. Imaxino que o ideal sería un antro como aquel no que Jindřich Haňta, o de Bohumil Hrabal na súa marabillosa Unha soidade demasiado ruidosa prensaba os libros que desbotaba un réxime dictatorial no que tanto amolaban as letras. Eu tamén debecía por chuchar no zume verquido polos desaugadoiros da cultura lixo na que vivía. Pero son outros tempos e hoxe as moreas de papel que sobran por falta de ganas e tempo para ler, hibernan acomodadas en anaqueis de deseño, clasificadas, catalogadas e protexidas por especialistas que gostan chamarse xestores da información. O de bibliotecario, cicais por cheirar demasiado a vello vai quedando para uso literario. Conquerín aterrar nese territorio amigo e o balbordo de voces de tódolos séculos e lugares comezaba a ocupar tódolos espacios baleiros que tiñan sido violados polos vermes daquel mundo corrupto que ameazaba cada día con deixarme derreada. Tíñalle gañado o pulso ao capital. As primeiras xornadas ateigueime con case todo o que pasaba polas miñas mans. Os libros devoltos non ían ser recolocados inmediatamente naqueles estreitos habitáculos. Os seus veciños respirarían un pouco máis desfogados durante un tempo extra e aquelas páxinas apertadas podían estomballarse a gusto nun espacio provisionlmente baleiro. A menos que se tratase de libros de marketing ou gramáticas de linguas remotas, todos quedaban canda min o tempo preciso para ollar polo seu fecho. Non hai nada de fetichismo nesta sensación. O libro só é un intermediario da voz e da palabra. Mais tampouco é cousa de devalualo en exceso relegándoo á mera acepción de soporte. O libro agocha e garda as voces de poetas, interminables horas de reflexión filósofica, escrupulosas análises científicas, minuciosas recopilacións de pescudas de historiadores, etc., nunha sucesión de signos/imaxes moito máis acaídas á asimilación e comprensión do que o fan outros medios aparentemente moito máis desenvolvidos. E por suposto, o libro leva á persoa. Por moitos camiños. Gosto construir a miña biblioteca ideal turrando deses autores que xenerosamente sementan os seus textos de referencias que van erguendo un paraíso no que quero perderme. Sergio Pitol foi por un tempo un destes meus cicerones. Dende a súa maxia cheguei ao Cosmos de Gombrowicz, que me ensinou a apreciar a linguaxe das manchas da humidade na parece. Seguindo as pegadas do seu Diario Arxentino entrei nas Tendas de cor canela de Bruno Schulz para quedar prendida durante moito tempo dunha obra literaria e artística tan escasa como profunda. Sen mudar moito o rumbo crucei unha ponte entre a néboa liscando dunha ollada agochada por tras das Ventás cegadas de Alexandre Bona. Non sei se foi aí cando me namorei das pontes, pero hoxe, grazas a Rinoceronte, a xoia da coroa da nosa edición, sento moitas noites na kepia da Ponte do Drina de Ivo Andric e deixo pasar tódalas pantasmas do horror que cuspen as súas pedras. Sempre sentín que tiña que corresponder á xenerosidade destes heterodoxos que viviron para a literatura e a biblioteca pareceume o territorio ideal para espallar a paixón pola escrita. Mais nestes tempos de modernidade líquida, que tan ben describe Zygmunt Bauman, onde impera a velocidade e o novedoso, a biblioteca xa non é a ágora onde a xente se divirte disfrutando coa maxia da palabra e, de socato, coma no conto, mergúllaste no deserto do real cando ven un estudante e che di: ¿dasme o Madison?. Supuxen que se trataba dun coñecido manual de Física mais quixen facer unha brincadeira respondéndolle ¿cal o Square Garden?. Resposta: non sei, non lembro os apelidos.
Publicado no suplemento cultural "Nós" do XORNAL DE GALICIA do 27 de decembro de 2008, p. 16
Ilustración de Aser A. Fernández Rey

4 comentarios:

Xaime dijo...

Impresionante.

Feliz ano 2009. Recordos na casa.

Anónimo dijo...

Os Madison...
Os Burbano de Ercilla...
Os Alonso-Finn...
Os Tebar Flores...

Quén tuvera vinte anos, again...

Anónimo dijo...

hummmmmmmmmmmmmmm, delicioso!!!!!!!!!!!!!
nótase cando escribimos coa pel. ¿sabes que eu, de lectora empedernida pasei a ser durante dez anos unha anodina muller sen un só texto co que nutrirme? cada vez que o penso me parece incrible, como se non fose eu.

Ana Bande dijo...

Xaime,
Gracias neno, e tamén bicos para vós.

XDC,
Vostede era un chapón de moito coidado ¿non si?

Toxomar,
¿e como foi eso? conte...conte...nsberg