Perro millonario de tugurio. Válido filme como recurso didáctico mais totalmente prescindible como experiencia cinéfila. A estructura narrativa seguindo o ritmo de preguntas do famoso programa concurso resulta pesada, aportando ademais unha carga suplementaria de inverosimilitude á historia. O ritmo moi dinámico, que xa é marca de Danny Boyle, impónse xa dende a persecución inicial con movementos de cámara bruscos e tomas cenitais que serven para situarnos no labirinto multicolor da miseria de Bombay. Nestes momentos aparecen as imaxes da tortura de Jamal, que, dito sexa de paso, resulta gratuita e ata diriamos que non ven moito a conto. Dende aquí o filme perde forza e as expectativas iniciais redúcense. A magnífica transición técnica entre as imaxes de cine e televisión teñen o seu lado perigoso polo excesivo interese do tema concurso en detrimento da historia. Tampouco resulta convincente o carácter supostamente reveindicativo da mensaxe. O emprego da violencia infantil pódese converter con facilidade nun mero recurso para atrapar ao espectador en detrimento dun aspecto reveindicativo que en teoría é o que anima o filme. Os episodios das arrepiantes prácticas de mutilación de nenos para convertilos en exércitos de mendigos mercenarios-esclavos das mafias non están tratados coa rigorosidade que esixe este triste panorama. Non se disimula unha falsa pose de humanitarismo e concienciación coa pobreza que teñen moito máis que ver co marketing da película que cunha verdadeira toma de conciencia co tema da pobreza. E se non é así, só me queda pensar nun tremendo erro de comunicación que non sería moi propio dun director xa consagrado. Sen embargo como recurso didáctico, o filme non ten desperdicio. Pódense suscitar ao seu abeiro interesantes reflexións sobre a percepción da miseria e a pobreza por occidente, por exemplo, o concurso de televisión como a grande ilusión, como porta de saída da miseria nos países pobres pero tamén como vía de escape ou referencia nos países ricos (estou a lembrar O Concursante, do xovencísimo ourensán Rodrigo Cortés). En Slumdog Millionaire non hai pescudas interesantes ao marxe do tópico e a polifonía cromática que envolve a historia debuxa mesmo un edén ao que nos gustaría fuxir. A excesiva presenza do real pode perturbar doadamente a multitudes famentas que para sobrevivir cada día inventan ilusións ou as mercan ao prezo de saldo que lles preparan os sus dirixentes políticos para tallar de raíz calquera intento de sublevación contra a condea da miseria. Slumdog millionaire, "perro millonario de tugurio", non vai moito máis alá dunha bonita historia de amor coa miseria como música de fondo. Non ao revés, como semella que debe ser vista. Que na marxinalidade hai máis dignidade que na quinta avenida non é un descubrimento novo. No filme trabállanse e depúranse os elementos susceptibles de provocar reaccións nun espectador nada propenso a ir a sufrir a unha sala de cine. Velaí entón a excelencia da fotografía e o xogo coa beleza duns personaxes de rasgos exóticos e cativadores. Se engadimos a pegadiza e atractiva música bollywodiense e a romántica loita de Jamal pola belísima Latika temos os ingredientes básicos para unha deliciosa historia para adolescentes.
Foto: Establecemento bancario na Illa de Esna, Exipto.
1 comentario:
Onde hai que asinar? E as nosas amigas postculturais completamente tolas coa peli. Aquí hai algo que non funciona.
Publicar un comentario