lunes, octubre 31, 2011

Humillados y ofendidos, Fiódor Dostoievski



Foto

Turrando do fío de Zweig e Freud adianto a lectura do ruso que suscitou verbas tan apaixodas nos seus estudos sobre o autor. Epiléptico, depravado, néurótico, histérico, vicioso, xenial, irremisiblemente terrenal, nunha serie infinita de diagnose literaria e psicolóxica que non permite xa adiar máis as fermosas obras de D. Esta novela cicais sexa o mellor aperitivo antes de afrontar os grandes relatos que ameazan con mergullarnos na complicada socioloxía e psicoloxía que Dostoiesvski tece para ofrecernos unha visión de seu e tamén universal dun mundo que non cambiou tanto dende hai dous séculos. É esta unha historia puramente sentimental. Unha admirable composición onde os personaxes só existen para dar corpo á complicación psicolóxica dun mapa emocional no que pelexan virtudes, valores, prexuizos, vontades, impotencias, humillacións, intercambios desiguais de egoísmos e xenerosidade, nun mundo que cicais como o de agora, o de antes, o de sempre, cheo de confusión e dúbida. Cicais o que resalta na narración é a riqueza psicolóxica do discurso dos malvados. O autor fala pola boca de Iván Petrovitch, un escritor absolutamente marxinal e de bos sentimentos, cuxa xenerosidade se amosa na sutileza de presentárnolo como un secundario nun fío argumental onde os xogadores principais son o ben e o mal, sen que forzosamente haxa unha aposta pola lóxica que debería facelo abeirar polo primeiro. Como toda boa novela, cómpre deixala unhas vinte páxinas antes do final, ahí adoitan atoparse os parágrafos máis sobranceiros. Decido deter a lectura no monólogo do demoníaco príncipe Valkovski. Neste aparente malvado cicais está o segredo de Dostoievski, e cicais plantexe aquí o autor o maior reto da novela, o de querer facer de nós, lectores, heroes capaces de enfrontarnos a unha verdade moi, moi desacougante.

No hay comentarios: