fonte |
A derradeira película de Costa Gavras é deliberadamente mala. Deberiamos agradecerllo profundamente porque sacrificar a xenialidade artística en aras dun interese social paréceme un esforzo de xenerosidade admirable. É certo que a mediocridade abafante da realidade pode inspirar exquisitas obras artísticas. Cosmópolis de Cronenberg é esoutra cara da moeda. Ollamos naquel filme un exemplo perfecto de cómo o mesmo tema, a corrupción que move a economía, deu lugar a un relato dunha complexidade estética e dunha riqueza filosófica interesantísimas. As dúas películas amosan unha misma realidade, só cambia a ferramenta e as cores que empregan para recreala, cambia a técnica elixida e a complexidade do código do discurso. A Cronenberg interesalle a sutileza da linguaxe e escolle finísimos pinceis e revirados contrapicados para deconstruir a nosa ollada. Costa Gavras elixe un espray e pinta un grafitti de trazo groso para enchouparnos dunha insuportable vulgaridade cunha evidente intención didáctica na que sacrifica matices que non quere que nos despisten do deserto do real. Non se anda con andrómenas, o que hai é o que vemos. Dunha cor carece de tonos, dun cheiro que carece de esencias, e dun trazo que só ten un obxectivo: a economía mundial é unha cloaca a altura dos intereses máis espúreos. Os cartos, o sexo, o poder, son tres persoas distintas pero un só deus. Tres mercadorías que se intercambian ao ritmo dunha frenética ambición de poder para trocar o ouro en merda nunha revirada interpretación da alquimia que xoga coa mentira como a variña máxica capaz de darlle a volta a todo. Deste xeito demoledor preséntanos o sexo na súa variante máis espúrea, a prostitución. O amor e a familia como un defecto de serie co que só se convive cínicamente. Velaí a escea da visita familiar que fai o personaxe de Gad Elmaleh coma se fose outra das súas aburridas reunións diarias. O traballo como unha relación completamente alienante e illada na que a prescindibilidade é requisito sine qua non. A amizade coma unha folla dun libro de contabilidade. A fidelidade unha tristísima reminiscencia do pasado representado polo vello director do banco que representa os alicerces da descontrolable voráxine da insaciabilidade de poder. A personaxe principal no filme de Gavras é, malia todo, a mesma puta coxuntura da que fala unha voz en off que Cronenberg nunca empregaría, a propósito. Porque o él o quixo foi facelo máis bonito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario