miércoles, mayo 29, 2013

Merkievelislmo

fonte

Entrevista que Nouvel Observater fai a Ulrich Beck sobre a posición de Ángela Merkel fronte a crise. 

No seu ensaio "Non á Europa alemana", vostede defende que Alemania, fortalecida polo seu poderío económico, dicta as súas leis aos demais países europeos o que pon en dúbida os fundamentos de Europa. Porque?

U.B. Enfrontámonos a unha nova realidade. Formalmente sempre tivemos insituticións europeas: o Parlamento europeo, a Comisión europea, etc. Pero coa crise do euro, estas institucións perderon o seu poder de decisión en favor dos estados nacionais. A segunda evolución que nós, os sociólogos non temos moi estudada, é o feito de que os países da zona euro en realidade, réxense por un principio de desigualdade entre países acredores e países debedores. Non temos reflexionado moito sobre a nova dinámica que este feito pode significar para os pobos. A clásica división entre capital e traballo está desaparecendo. En Grecia, os pobres serán aínda máis pobres, os titulados universitarios non terán perspectivas de traballo, os xubilados verán recortada
s as súas pensións. As consecuencias desta transferencia de poder fan que Alemania, en tanto que potencia económica dominante en Europa, teña a última palabra. Alemania non ten este papel porque planificara conscientemente unha estratexia ou un plan diabólico. Alemania converteuse en hexemónica "sen querer". É unha evolución moi problemática porque todo esto pon en cuestión os valores fondamentais de igualdade e de solidariedade de Europa.

Vostede acusa a Angela Merkel de "merkievelismo"-unha referencia ao Príncipe Maquiavelo-e denuncia a súa política de austeridade. Pero, no seu libro, divísase mellor un Bismarck en panos menores que non impón a súa lei a sangue e lume senon polo peso da súa economía...

As situacións non son comparables. A Alemania de hoxe non ten veleidade de dominación algunha. Ao contrario, quere manterse lonxe dos asuntos militares por iso non apoiou a Francia nin a Gran Bretaña na intervención libia. Alemania fíxose cunha identidade tipo a Suiza ecoloxista. Preocúpanlle cuestións medioambientales e só domina a Europa a través do poder do diñeiro e da economía. A paradoxa é que a crise colocouna nun novo lugar no concerto nas nacións. Si mañá Alemania decidise -o que se me antolla altamente improbable- saír do euro, perdería ao momento a súa posición de poder. Alemania, certo, é a grande gañadora da zona euro. Pero unha Alemania posteuropea, como unha Francia posteuropea tamén, estaría totalmente perdida na paisaxe mundial. Ademáis non temos que esquecer que o 70% dos bens que produce Alemania véndense nos países da Unión Europea e que se estes países non poden permitirse mercar, esto traerá tamén unha economía alemana en dificultades.

Entón porque Angela Merkel está tan absolutamente convencida da súa teima de impoñer ao resto de Europa un réxime de austeridade tan severo?

Os alemans son universalistas. Pensan que o que é bo para eles ten que ser bo para o resto do mundo. Non entenden que poidan existir outras tradicións. Alemania ocupa unha posición singular. "Merkiavel" non se ve a sí mesma como hexemónica. Ela pensa na política europea sempre en estreita relación coa política interior. E como pensa gañar as próximas eleccións de setembro de 2013, propón tanta Europa como é compatible coa súa victoria. Pero, ao mesmo tempo, non quere perder a súa posición de liderazgo en Europa.

No seu ensaio, vostede critica o inmovilismo de Angela Merkel. Pero moitos dos seus compatriotas non pensan que leva razón?

Angela Merkel practica o poder de xeito moi indeciso. Ás veces di non, mais ao final decide actuar, ou di que sí e logo fai outra cousa. É complicado porque esta política de austeridade non ten, no fondo, ningunha racionalidade económica. Angela Merkel aplícaa coma unha especie de fundamentalismo evaxélico, como unha nova forma de luteranismo. Hai que impor este remedio aos outros pobos para que aprendan a pagar as súas culpas e poidan xuntos vivir un renacemento recollendo os froitos dos seus esforzos. Non se decata do perigo que esta política económica supón para os países do Sur. Cando o 50%  dos universitarios non atopan traballo, non estamos só ante un escándalo, senon no cerne dunha situación prerrevolucionaria. Canto os nenos gregos non poden ter acceso ás súas menciñas, prodúcese unha situación contraria a todo o que fixo posible a creación de Europa. Meu prognóstico, é que logo das eleccións lexislativas de setembro de 2013 haberá un cambio de política. Liberarémonos da política de austeridade pura para ir cara políticas de credibilidade e solidariedade. Angela Merkel decidiu afastarse do tema nuclear nun día cando o de Fukishima, tamén pode entón abandonar a política de austeridade!

Angela Merkel aparenta estar en desacordo coa idea mesma de Europa. Pode ter algo que ver coa súa biografía como alemana do leste?

Por suposto. Os alemáns do leste razoan en termos de Estado-nación. Non imaxinamos o camiño que percorreron logo do derrubamento da RDA, ata que punto foi difícil para eles entender as particularidades da construcción europea. Para Angela Merkel, Europa non era unha cuestión existencial. Á chanceleira levoulle o seu tempo comprendelo.  Dubidou durante tempo. Non quere deixar caer a Europa. Quere dar un paso máis. Maquiavelo amosounos que a política é o poder, non a moral. De momento, a política de "Merkiavel" faise en detrimento de Europa. Pero a chanceleira entendeu que os grandes problemas do mundo, sexan relativos á crise financeira, problemas de medio ambiente ou cuestións de inmigración non poden xa ser regulamentados nun cadro nacional.

Pensa vostede que Francia aínda está a tempo de exercer de copiloto de Europa con Alemania?

Francia está aínda impregnada da idea de grande nación de posguerra. Pero os grandes proxectos franceses teñen dificultades: o Estado providencialista centralizado está es cuestión pola dependencia da economía mundial, a enerxía nuclear deixa de ser a demostración do alto nivel de desenvolvemento tecnolóxico, cuestionado logo da catástrofe de Fukushima pois o 50 % da poboacion francesa pregúntase sobre o futuro nuclear e a idea dunha Europa con Alemania como socia non funciona xa. Por iso penso que non podemos discutir sobre a crise do euro en termos únicamente económicos. Temos que definir un novo proxecto europeo que convenza á xente, que excite de novo aos políticos. E este proxecto pasa por unha redefinicion do partenariado franco-aleman.

É vostede partidario dun contrato de sociedade europea a favor de dun aumento da liberdade, do social e de máis democracia. Non é este un proxecto pouco realista en tempos de crise?

Ao contrario, o momento de crise é xusto no que hai que pensar. Os grandes gañadores da integración europea son as elites económicas e políticas partidarias do postulado de que Europa traería vantaxas para todos.  Pero os cidadáns de base non obtiveron grande cousa de Europa. Non sairemos da crise mentres non saibamos para que serve Europa. Imaxinemos un novo escenario. Imaxinemos que o SPD atopa un sitio logo das eleccións, que en Francia, François Hollande, logo duns comezos erráticos, atopa o equilibrio, e que en Gran Bretaña o laborismo poida manterse. Entón teremos unha constelación para unha Europa máis social.

2 comentarios:

Iago dijo...

Hai que sacar á Merkel do poder , porque senón acabaremos todos na rúa a pasar fame , mentres eles estaran de copas por ali ou mellor dito estaran todo o rato castando o diñeiro noso en prostíbulos.

網路校園美女寫真 dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.