Por fin atopo un libro que me reconcilia coas neonais. Atopo felizmente un texto que me axuda a entender mínimamente o que se me presenta como unha incomprensible vaga de neorromanticismo maternal adobiado de argumentacións pseudocientíficas que agocha unha clara estratexia do sistema para facernos voltar ao rego. Carolina del Olmo métenos, cicais moi xustificadamente, ás que fomos nais nos noventa, no saco das feministas que inxenuamente pensabamos que eramos máis iguais ca eles por renunciar aos roles que a deusa natura deseñara para nós. Non foi así. Discutiríallo se tivese ocasión e convenceríaa de que para chegar á súa posición foi preciso pasar por esa etapa de renuncia que foi tan complicada para a xeración non sei se da súa nai, pero sí das súas irmáns maiores. Pero ten que ser así. Forma parte do progreso a crítica do pasado e por suposto a afouteza para tentar modificalo. A deriva da maternidade preséntaseme moi complexa porque ao meu redor vexo unha onda monocorde de comportamentos que non podo interpretar senón como unha volta atrás no que á consideración da muller e o seu protagonismo social se refire. O tema da maternidade é o centro no que fagocitan camiños que aínda que cheo de follas secas e lamacentos, servían para afacernos a unha nova idea de nós(outras). Resístome á nostalxia porque sei que o pasado non foi mellor, pero non podo disimular que esta enxurrada de novas teorías sobre a maternidade (apego, aleitamento a demanda, coleito, fusión nai-fillo) son máis do mesmo: operacións de marketing para inhibir supostos sentimentos de culpa que traumatizan sempre ao mesmo. Á mesma. Na biblioteca na que traballo circulan máis manuais de autoaxuda e instruccións de uso de meniños que estudos serios sobre a incidencia, por exemplo, da educación e a alimentación no grao de desenvolvemento dos pobos. É de tolos. Non de tolas. Pero ler este texto de Carolina del Olmo é gratamente esclarecedor. Dende a súa posición de neonai albisca con claridade as eivas de case todas as posicións que están no mercado. E iso e bo. É unha visión crítica de case todo o que hai escrito sobre o tema, e penso que ese é o camiño, porque o fai dende a absoluta capacidade para albiscar no fondo das cuestións. A aportación máis importante de Carolina del Olmo é a súa reflexión sobre a necesidade de cuestionar o contexto e non os comportamentos das que temos ¿o privilexio? de poder parir (de momento).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario