viernes, octubre 17, 2014

Ruina montium

Consulto as estatísticas deste blog e sorpréndeme que aínda alguén pase por aquí; premo nas ligazóns que petaron nesta porta coa curiosidade coa que albisco polo axexadoiro da porta cando soa o timbre a horas intempestivas. Hai un tal "marcus", un "curioso impertinente", está a amiga cristinapavón (xa estou tardando en falar do seu novo libro, felizmente premiado) e algunha alma perdida máis. Premo en "marcus" e o circuito de alta velocidad da internés lévame a un enderezo no que lembro ter estado alá por un dousmiletantos. O "marcus", puxo un post sobre a morte do blogomillo. Eu xa sabía do ruina montium que rachara con esta noutrora vizosa leira. Non hai que moer moito os miolos para entender os efectos devastadores da enxurrada virtual que só deixou uns cantos cumios en pé na paisaxe blogueira galega. As novas tecnoloxías no eido das redes sociais están perfectamente ao día no que as necesidades básicas do usuario se refire. Xa estamos vestidos e temos abondo para comer, así que quedan a imperiosa necesidade de comunicármonos e procrear, o que dende algún punto de vista ven ser o mesmo. Así que os sistemas perfeccionan as estradas con chans máis escorregadizos e de máis largura, para que transiten máis exemplares e así acadar o índice de colisión mínimo que garanta a supervivencia dos novos trebellos. A velocidade non só favorece a preguiza -¿quen se para a deliberar sobre os odiosos muiños de vento que estragan os nosos montes cando imos a cento vinte por hora?- senón que fai imposible coñecer o que non sexa estrictamente o instante. As mensaxes, os textos, xa nacen caducos, por iso quedan á marxe fronte a emerxencia do visual. O instagram é a materialización exacta daquel  "unha imaxe vale máis que mil palabras". E agora é tempo de imaxe, non de imaxinar, por iso hai que deixar correr o tempo e agardar pacientemente o acougo que se precisa para escribir cousas que estén á altura dunha audiencia que aínda non sei ben por qué asoma por aquí periódicamente. De todos xeitos, comezo a aburrirme de min mesma e estou a matinar noutros proxectos con máis voces e máis cor. 

7 comentarios:

Voz en off dijo...

Non nos deixes nunca, Ana Bande. Fan falta na rede opinións distintas e auténticas. Por iso seguimos entrando no blog de Ana Bande, ;)

elzo dijo...

Se la lee con atención y estima. Cierto es que no parecen ser los tiempos más propicios para tanta letra junta pero algunos resistimos el frenesí de la vida cotidiana o cuanto menos lo intentamos.

Reciba un cordial saludo.

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Anónimo dijo...

Ola, Ana.
Pode que sexa eu esa alma perdida nas últimas visitas a este espacio. Estou totalmente dacordo contigo con iso de que o que estamos comentando, agora mesmo, neste instante, no seguinte, xa está caduco, xa é vello.
Hoxe en día vale máis o momento máis inmediato, que a medida que pasan os minutos vaise escorregando e acumulándose no final infinito das páxinas.
Ás veces boto de menos un tempo que nin sequera puiden vivir. Un tempo no que, si, prevalecía a imaxinación e non a imaxen. Que ten de especial que che den a realidade mascada?

Un saúdo :D

paideleo dijo...

Outra alma perdida.

Ana Bande dijo...

...e iso que non acendín o candil, grazas a toda as almas, especialmente á de verdade, á que se escribe con maiúsculas e me fai a min voltar ao rego!

Anónimo dijo...

Ufff padruga. Que pesadez!