lunes, octubre 17, 2016

Dia das escritoras, 17 de outobro: Rosa Chacel

Súmome á iniciativa da Asociación Clásicas e Modernas, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Biblioteca Nacional de España, de celebrar o Día das Escritoras 


A insubornábel lucidez e rigorosodade de Rosa Chacel non puido ser admitida nin moito menos aireada nun país de mediocridade tan pegañenta como era a España na que viviu a escritora. Co seu endiañado e puro sentido común tivo que desenmascarar a estupidez e falacia que se agochaba baixo a mascarada pseudocientífica coa que se adobiaban os gurús da cultura do seu tempo e que para o noso abraio, cen anos despois seguen ben amarrados nos seus pedestais canonicos. Malia as violentas reaccións de Ortega, Rosa Chacel non deixou nunca de render tributo ao filósofo na súa vida e na súa obra. Sen dúbida, tiña a escritora esa grandeza da xenialidade que obriga a recoñecer a virtudes do creador malia as eivas que tamén conformaban a personalidade do seu mestre. Sabía Rosa da deplorable misoxinia de Ortega, que era quen de escribir que a muller con talento cheira a varón, pero tamén sabía que él era precisamente o que tiña o poder, a capacidade para varrer o chan daquela España lamacenta. Só Ortega podía prender a luz naquel corredor escuro de comezos de século. Xa tiñan abondas dificultades as mulleres para penetrar no sancta sanctorum cultural masculino como para permitirse rexeitar por misóxinos aos únicos, ao único máis ben, que permitía asomarse a unha dama á solaina das empoleiradas páxinas da historia cultural que se estaba intentando rexenerar. Así que Rosa Chacel tivo que loitar durante toda a súa longa vida para escribir, para decir. As súas admiradoras desexariamos unha obra inabarcábel debido a súa excelente calidade, pero Chacel tiña, seica, unha extraña virtude:  a dificultade. Pero esa complexidade foi deliberadamente introducida nos seus textos porque tiña forzosamente que acompañar a toda tarefa que vai na procura da verdade. E Rosa non quere unha lectura compracente, porque á verdade só se chega logo dun laborioso proceso de indagación e reflexión por conta propia, así que a lectura ten que ser tan esforzada como a escritura. Eu diría que Rosa fai pensar ata que doe. Así é de implacable esta escritora, ás veces sen materia. Os seus textos son fíos dos que turrar para que se multipliquen os significados. Pero fiando fino as súas frases convértense en tratados. Hoxe, só as académicas turraron abondo, non é a súa unha obra doada de vender, tampouco o foi no pasado. Elas, as "doctorcitas" como ela as chamaba, fixeron da súa obra un corpus de investigación que invita a seguir construindo e deconstruindo da súa man. Imaxino a Rosa só medianamente satisfeita de tanta tese doutoral feita á súa conta e moi alporizada 
Manuscrito de Chacel. Archivo Fundación Jorge Guillén

coa escasa repercusión da súa obra e coa deriva irremisiblemente decantada cara a vulgaridade actual. Que a día de hoxe continuemos permitíndonos non ler a Chacel é unha dolorosa constatación do insoportable estado do noso ambiente literario e cultural. Cando comecei a lela incansablemente, (recomendo iniciar a súa lectura con Memorias de Leticia Valle) quixen compartir a miña efusiva admiración cun editor amigo, que me dixo xa, si Chacel, os exiliados, non, hoxe non o le ninguén...Non contaba con esa indiferencia. Foi unha dolorosa constatación. Unha especie de investimento sen risco ningún que garantía a súa desaparición do panorama literario. Pero eu pregúntome a cotío, ¿podemos permitírnolo? E como se de repente se deixara de editar a Simone de Beauvoir ou a Virginia Woolf, Ou peor, é como se viñeramos de descubrir a estas dúas magníficas e as descartaramos por antiguas ou demodés. Non me cabe dúbida, este país segue a preferir o bruído daquel Umbral que nos oitenta non se cansaba de insultala en canto medio se prestara, que eran moitos, a darlle voz. Umbral só quería vender o seu libro, xa se sabe, e para iso valía todo. Rosa era unha competencia moi desleal, había que rexeitala tamén con toda deslealdade a todo, incluso á literatura. E gañou, abofé. Non é para celebralo, precisamente. 

No hay comentarios: