miércoles, septiembre 24, 2008

La cultura de la libertad, Jesús Mosterín.

Agradécese a claridade na escrita dos filósofos, Seguramente de terse esforzado un pouco máis no eido da comunicación non se lles chegaría a ningunear deste xeito . España non é unha potencia a nivel científico (inclúo por suposto as denostadas humanidades) e cumpriría unha decidida aposta por poñerse ao día nesta esquecida tarefa de "filosofar", aínda que só sexa por ser un pouco proactivos á hora de afrontar os sempre desacougantes cambios de paradigmas e de civilizacións. O título do libro só responde á súa función comercial. O abuso do palabro rematou por trocalo nunha verba de compañía da que botar man cando precisamos lustrar, poñer de moda ou mesmo rehabilitar ideas, filosofías, supersticións e ata productos da terra. Cultura do fútbol, cultura do viño, cultura da saúde, cultura dos software libre, cultura dos Millares, cultura do consumo, cultura do tango, cultura da morte, cultura do aceite de oliva, cultura del corpo. Neste texto analízanse e, sobre todo, cuestiónanse as institucións que nos dirixen pero que tamén son o cerne dunha chea de conflictos que malia a cantidade de sufrimento que poden causar non provocan nas súas víctimas rexeitamento algún, máis ben todo o contrario, pois tenden a sentirse enormemente orgullosas de vivir no máis desenvolvido e moderno dos mundos. Gustoume tamén o individualismo e a volta a unha lóxica aplastante cicais esquecida precisamente pola súa sinxeleza. Fálase aquí de "humáns" (pouco a pouco esquecemos a rareza do termo e agradecemos a anulación da diferencia de xéneros) como depositarios duns atributos que se queren hoxe facer pasar como patrimonio de esas entidades pantasma que se agochan baixo os términos como sociedade", ou "nación", que me lembraron a aqueles entes colectivos e con vida propia que recreaba Belén Gopegui no seu último traballo. Hai afirmacións certamente "viscerais" como cando di que o fígado, igual que a lingua e a cultura non son cousa de territorios nin de sociedades, son cousa do ser humano, e para a súa felicidade é imprescindible que sexa o humán o que poida elixir a lingua que fala. A delegación destas liberdades de elección en mans dos Estados son problemáticas abondo, o que podemos comprobar especialmente nestes días nos que a lingua semella ser unha nova e estratéxica materia prima da que se queren apropiar corporacións, estados, asociacións ou calquera desas entidades "zombis" das que falabamos. Pareceume moi interesante o capítulo adicado ao estado, ao que gusta definir segundo a fórmula de Weber, como o que detenta o monopolio da violencia. Conceptos tan novos (ou non tan novos segundo o eidode estudo dende o que ollemos) como o de "nación" teñen levado ás maiores barbaries e guerras. As fronteiras non deixan de ser as feridas aínda sen cicatrizar destes novos conflictos que ameazan con estourar en calquera momento e en calquera parte. A relevancia, ou mellor, a irrelevancia do Estado nun mundo globalizado leva ao autor a plantexarse como solución axeitada a desaparición das fronteiras, de momento unha utopía sobre a que conviña reflexionar de vagar.

6 comentarios:

r.r. dijo...

Pois eu fágolle unha corrección: no post poñería en plural, "palabros" porque anda que a outra palabra do título non está puteada nin nada...

Larvós dijo...

O da eliminación das fronteiras, por utópico que sexa, non deixa de ser o máis importante (de aí, despois de todo, veñen boa parte dos problemas). Dicir que a filosofía non serve de nada (veño de ler o triste enlace) non é máis que unha estupidez memorábel. O mundo técnico-científico poderá dicirnos qué podemos facer, pero sempre, antes de dar o paso, haberá que preguntarse se debemos ou non facelo. Velaí, penso eu, está o papel da filosofía. Por exemplo: en breve a xenética permitirá clonar humanos, pero, debemos facelo? Por que?
Esas dúbidas, de momento, só a filosofía, só as humanidades, poden chegar a respondelo.

câosemdono dijo...

Non estou dacordo co xeito de prantexar o problema. Se empezamos a matinar sobre a eventual "utilidade" da filosofía estamos precisamente a aceptar a batalla conceptual no territorio elixido polos voceiros da súa morte. Penso que non deberamos permitir que o utilitarismo fagocitase a esta secular disciplina.

Non é necesario que a filosofía sexa útil, no sentido benthamiano. Opino que basta con que sexa rigorosa, porque o cerne da filosofía non é o seu obxecto (do que en puridade carece, agás a análise da linguaxe: pero ese é un prolema ontolóxico), senón o método (a episteme) e a súa máis senlleira manifestación: a lóxica formal. E esta ven sendo o eslabón co que se conecta coa forma máis requintada do pensamento puro: a matemática.

Por outra banda, ignoro por qué se supon que un filósofo pode opinar con maior autoridade que un xenetista sobre bioética. Tampouco sabemos qué opinarían Aristóteles, os presocráticos ou os racionalistas sobre moitos problemas ou cuestións probablemente inimaxinables para eles. A título de exemplo: unha vez caeron nas miñas mans uns ensaíños relativos ás inquietudes místicas (repito: inquietudes místicas!) de físicos como Einstein, Dirac, Schroedinger ou Heisenberg e fiquei sobrecollido pola profundidade dos seus pensamentos, a fineza das súas análises e a amplísima cultura humanística que subxacía nas súas afirmacións (cada frase daba para remoer media hora, e cada parágrafo unha tarde enteira).

A conclusión é que cómpre científicos con sensibilidade humanística, e humanistas rigorosos que coñezan as súas competencias e axuden a clarificar conceptos, no canto de liortas corporativas ou complexos de inferioridade nen superioridade por parte de ninguén.

Perdón polo rollete e unha apertinha a todos (menos ó Steiner ese, claro)!

Ana Bande dijo...

R.R.,
Si, certo, as verbas son as primeiras en caer nas batallas postmodernas.

larvós,
Si, e ademaís é curioso o doado que é hoxe constituirse en entidade nacional por minúsculo que sexa o territorio e escaso o número de habitantes, o caso é ben curioso, para que triunfe a globalización (léase as súas propostas: supremacía das leis dos mercados, etc.) son moi necesarias estas fronteiras que pechan leiras no canto de estados.

Canciño,
Sempre valiosísimas as súas reflexións. Tamén leva razón, non debiamos valorar a filosofía pola súa utilidade ou non, mais...¿quen é quen de substraerse aos valores de medición do sistema? Por exemplo para que se imparta filosofía (tamén poderíamos dicir latin, grego, ou formación do espíritu nacional!) estas materias teñen que aportar algo ao sistema, nestes tempos, fundamentalmente, teñen que ser rendibles non só espiritualmente (¡cantas mentes adormeceu o de formación do espíritu nacional!) senón tamén económicamente. Non esquezamos que malia este aparente retorno á mitoloxía cristiá máis rancia, o que está no fondo da cuestión son os maravedises que manteñen con vida a burbulla dun sistema que por veces, coma estes días, semella a piques de reventar.
Unha aperta a todxs.

câosemdono dijo...

Entro outra vez medio agochado para contradicila, miña señora condesa-emperatriz de Bande et con las sus ínsulas.

Verá vostede: os que temos botado media vida ou máis a estudiar (non se me alarme: estudiar aquí equivale a estar matriculado primeiro en colexios, logo en institutos e por fín en universidades) sabemos que eso de que a existencia dunhas asignaturas ou estudos só se xustifican actualmente dende a súa presunta rendabilidade económica é unha trola de "colosales proporciones", como diria Rajoy. Un tópico ou unha frase feita que pode expresar varias cousas: por exemplo, en plan desideratum, un soño húmido do presidente da CEOE, que como sabemos habita nun mundo ideal onde sempre sobran burócratas ineptos, corruptos e desocupados e faltan traballadores cualificados, stajanovistas e, por suposto, baratos. Máis aló desa referencia onírica, tamén pode manifestar a nula capacidade inventiva dos asesores que lles redactan os discursos ós políticos, que sempre andan a suspirar coma namorados, coa vista perdida e con esa letanía no bico sen saber por qué nen para que, nen falla que lles fai, pero sabendo que é un aduvío imprescindible en calquera ocasión que se precie e na que haxa que ceibar o seu soporífero discurso...

Botándolle un ollo ó catálogo dos títulos que ofertan os patéticos centros das non menos patéticas universidades do triste sistema universitario de Galicia, qué vemos?. Pois que proliferan por centos ou milleiros enxertos de economistas, xuristiñas de pleitos pobres ou paupérrimos e humanistas infrahumanizados (todos moi baratos de formar e máis aínda de manter), e moito máis aló, no olimpo dos que aspiran a ter un traballo máis ou menos digno e ben retribuido, unhas ducias de médicos e enxeñeiros, que destacan sobre os puteadísimos e precarizados científicos. Así que dígame, Aniña... de verdade cre que a oferta de titulacións actual se explica polo crú xogo da oferta e da demanda? Máis en concreto... son alleas as argalladas dos políticos locais á implantación deses estudios? Ou os intereses corporativos, moitas veces tan cerrís como escuros e sempre petulantes? No noso país, non estará o mercado farto dende o inicio dos tempos de espulsar a milleiros de rapaces recén licenciados ou diplomados ós avernos do desemprego, o infraemprego ou a economía sumerxida precisamente polo desaxuste entre titulacións ofertadas e esixidas polo sempre complicado mercado laboral?

En fín, como sempre, conclusión ningunha. O teña unha solución que levante o dedo. Ou non, que llo cortan. (Personalmente o paradoxo é que, co tempo, un non está nen moito menos arrepentido de ter pasado pola universidade).

Ana Bande dijo...

Ese can,
Moito gosto de que me contradigan mais ¡meu cadeliño! ¡se estamos a dicir o mesmo!...as universidades galegas son "uns chiringuitos" agás a excepcionalidade dos casos que polo respeto que me merecen, sempre me fan fuxir deste debate. Chiringuitos onde se "colocaron" directamente, profesores, funcinarios, limpadores, xestores, xestores de xestores, oficiais de laboratorio etc, etc, etc. Esta práctica, por certo, independente da cor do político de turno, aínda se practica hoxendía e de xeito máis ignominioso, se cabe, que xa pensabamos moitos que non. Coas bases na man, o sen bases, directamente ou "dixitalmente". No caso da universidade, non se entende esa teima por falar a neolingua empresarial e querer "ser coma eles". Cicais non deron convencido á sociedade de que a universidade é outra cousa, ben distinta dunha empresa. Cicais nin os que a dirixen o teñen claro. POr suposto que non. Pero é que o máis triste, canciño, é que se supoñemos que as universidades son unidades de producción, entón sí que habería que facer un reaxuste que ía resultar traumático. Habería que ir pechando os milleiros de "chiringuitos" que ocupan espazos e detraen centos de miles de euros en subvencións a proxectos dos que ninguén coñece nada, habería resolver unha sobreabundacia de profesorado que baixo as máis diversas e variopintas denomunacións (asociado, invitado, profesor doctor, titular....e non falemos dos "acólitos" dos catedráticos que quen saben onde viven)que dan unhas curiosas ratios inversas (3/1) - ollo, tres profesores, un alumno- e algunha titulación. En fin, que a universidade atópase nun limbo do que semellan non querer moverse. Subir ao ceo ou baixar ao averno lles obrigaría a unha revelución demasiado grande, quen non queren. De momento, teñen que seguir a pedir cartos porque hai que encher moitos epígrafes aínda que só o coñezan algúns listos. Véxase por exemplo o que dicía o Consello de Contas no seu informe. E perdón, que me saín do debate, estabamos a falar de filosofía.