Eu non só teño prevencións contra a novela histórica, teño verdadeiro arrepío. É a burbulla inmobiliaria da literatura. ¿que son moi radical? Consultade os anaqueis das librarías, os catálogos, as recomendacións de libros...¿hai algún autor ou aspirante a tal oficio que non sucumbira aínda a esa gorentosa sensación de escribir un libro que xa ten lector asegurado? Tería que puntualizar para non quedar de borroka total e explicarvos polo miúdo por que desboto calquera texto literario que cheire a arcanos códices, monxes conspiranoicos, pseudohermenéuticas bíblicas e misteriosas línguaxes crípticas que só entenden os autores máis onmiscientes (sic) que xa esqueceron altísimos e escarpadísimos cumios literarios que supoño que desbotarían por elitistas, antidemocráticos ou simplemente pasados de moda. E agora toca tragar por unhas décadas máis con masóns, cabaleiros templarios, sabas santas, inquisicións, feiras, gremios, etc. etc. Con Festina Lente fixen unha paréntese nos meus xuizos sobre o non-xénero por excelencia (novela histórica, ten tanto sentido como novela científica ¿por que non historia ficción ou novela ficción?, sería un pouco máis xusto, polo menos) dado que viña recomendada por voces autorizadas nesto da crítica literaria. A min, Festina lente, paréceme un exercicio literario encomiable se nos situamos no contexto do que podería ser unha novela didáctica que emprega o feito histórico como escusa para amosar un mundo pasado dun xeito certamente ameno e atractivo. Foi alá pola páxina vinte cando decidín mudar o meu subxectivo punto de vista e trocarme nun alumno calquera de instituto que cumpre cunha lectura recomendada do seu profesor de literatura, ou de historia. Dende aquí, conseguín chegar ao final e apreciar a riqueza léxica, a poética do texto, e o misterio da trama. Ata acadei doadamente poñerlle cara a Ambrosio, mareeime coa fedorenta atmósfera da compostela e percorrín calellas, arquivos, códices e personaxes con certo interese. Que non se vexa a miña crítica como negativa, só digo que cada cousa no seu sitio e que non nos deixemos levar polos doados camiños da doada e líquida hibridación donde todo custa o mesmo e cada vez menos, por certo, falando máis de esforzo que de maravedís ou reais de vellón. EN CASTELLANO
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
8 comentarios:
Mulieribus, non se me poña radicaloide. Mire que tamén hai unha interesante restra de novelas históricas (refírome a antes de que nacera o tipo ese dos Piares da Terra) das de Walter Scott ou Stevenson. Ou, qué coiro!, entre nós mesmo algún opúsculo de Vicetto ou López Ferreiro. Despois chegaron Ford e Taylor e as súas cadeas de montaxe e algún tivo a ocurrencia de aplicalas tamén á literatura...
Radicaloide non, para meu gusto un pouco escura...
Muaks!
¿obscura? ¿radicaloide?...¿ven vostedes? saímonos un chisco do regueiro e xa estamos co caxato.
Canciño,
Hai exemplos abondo do malo e do peor nesto da novela histórica ou da historia novelada, pero hai os hai tamén sobresaíntes. Estou a lembrar fermosas historias como as de D.X.Cabana ou U.Eco. Son relatos marabillosos nos que hai verdadeiramente un coñecemento profundo dunha época histórica ou dun pesonaxe (ou o que se pode porque no caso do rei García só quedan nove diplomas auténticos sobre a súa figura)moito máis alá dos tópicos e dos feitos que nos transmitiu unha historia oficial fria e interesada de máis. Neses contextos os personaxes adquiren unha multiplicidade de riquísimos perfiles que deixan liberdade ao lector para construir o seu propio relato. Esto non é así en Festina Lente. Aquí, e perdón de novo pola miña radicalidade, os personaxes son planos, a liña predomina sobre a forma ao servizo dunha trama que, lóxicamente, nunha obra de misterio, se eleva por riba de todo. Por eso é criticable, para min, se o o facemos dende a óptica do xenero novela histórica. Outra cousa, e outro valor, acada a obra se nos mudamos de estrado, entón percibimos outros valores moi destacables. Para min, Festina Lente, é unha obra salientable, ei seguir falando dela porque non caben moitos matices nun pequeno post e non é posible falar in extenso en tan pouco sitio, por eso RR, con razón, di que son escura. Apertas.
É dicir, que se a entendín ben a vostede, o que non lle gustou foi que a trama sobrancee sobre a fidelidade da recreación ou a ausencia de complexidade dos personaxes, non é?. Dígollo porque isto pode ter truco, con perdón. Ou non lle parece que probabemente Eco terá unha lexión de becarios e documentalistas para facerlle o traballiño "suxo"?.
(E de caxato nada É un disir: o meu ego non pode estender cheques que o meu lombo literario non pode pagar... que non lin o libro!)
Bicos, apertas et lambetadas!
Estou contigo, Ana en todo o que dis sobre a novela histórica. Eu tamén fuxo de catedrais, terras baldías e reinos máxicos.
Hai salvedades, como dis, pero personalmente é un xénero no que me sinto sempre un pouco timada.
Non lin Festina Lente, pero fareino e logo seguimos coa conversa. Biquiños.
Canciño,
Si, vai por ahí a cousa. Hai moitos elementos nesa novela aos que se lle debería quitar máis partido. A trama efectivamente sobrancea sobre a psicoloxía dos personaxes e contando con elementos moi valiosos hai ausencias salientables que xustamente marcan a diferencia entre as grandes obras e os exercicios literarios que aínda que moi bos, non deixan de ser máis do mesmo. O papel da muller, por exemplo, non sae do tópico. Bruxa ou prostituta. Penso que había moito máis ouro que sacar desa veta xa que as ferramentas son moi boas. A referencia a U.Eco era xustamente para explicar un caso no que tratándose do mesmo xénero quítase moito máis partido. Alí hai personaxes riquísimos que participan na trama creando unha historia tamén de misterio pero con moitísimas máis cores. Tódalas épocas teñen as súas institucións de control social e o seu rigoroso sistema de normas das que uns participan sempre como beneficiarios e outros como victimas. Nesas relacións e miserias da vida cotiá penso que habería que profundizar máis e sacar á luz aspectos que seguen agochados tanto nos documentos de arquivo coma nas crónicas. Facer novela histórica para seguir proclamando as mesmas cousas paréceme unha oportunidade perdida para coñecer outros aspectos do pasado que darían moita máis luz sobre o mesmo. Pero lea vostede a novela, paga a pena e así discutimos máis polo miúdos.
Devolvo lambetadas!
Ana, agradezo as voces discrepantes, con elas aprendemos. Enlacei a túa crítica e comento algunha cousiña.
Malia todo alégrame de que só en vinte páxinas te levara de novo á adolescencia ;-), algún mérito tiven.
Quedan pendentes unhas cervexas no Hipolito para falar devagar.
Un saúdo.
Caro folerpa,
Hai xa moitas cervexas agardando no Hipólito, haberá que ir dando conta delas. Festina lente merece moita atención, hai un milleiro de cousas que contar e analizar, seguiremos falando aquí de moitas cousas que me quedaron pendentes. Ata me entraron ganas de aprender o latin dos arxinas que descoñecía completamente. Seguiremos co tema. Unha forte aperta e a seguir escribindo.
Publicar un comentario