jueves, julio 01, 2010

pasatempo de verán....que facer cos libros...


Lelos xa non é pouca cousa, eu aconsello facer lecturas o máis performativas e persoalizadas posibles, sen respectar o máis mínimo a propiedade, faltaría mais. Confeso que ás veces, cando atopo un libro escrupulosamente estragado por ignotos lectores voraces e vandálicos sinto un profundo orgullo. Antes non me pasaba, tíñalle eu moito respeto e alporizábame perante as mutilacións dos summa artis da Biblioteca Pública de Ourense. Sempre faltaban as láminas que poñían na clase ¿como sería aquela fachada de San Carlo alle Quattro Fontane?. Tería que imaxinar xogos de luces e sombras, columnas salomónicas, estípites, trompas, pechinas e mocárabes. Tempos. Agora os demasiados libros devaluaron o producto e nin sequera as apocalípticas declaracións da extinción lle procuran o respeto que adquiren as moedas que deixan de estar en curso. E claro, o roubo de libros, as mutilacións, as marcas, os debuxos sobre o texto e nas páxinas en blanco, e ata as pegadas de grasa, viño, carmín ou vai ti saber, paréceme o colmo do romanticismo. A charlatanería que adoita criminalizar aos que suliñan parágrafos, fan anotacións a bolígrafo ou resaltan verbas con rotuladores fosforescentes sempre me pareceu unha ridícula posta de largo da estupidez máis profunda. Reverencias as menos posibles que somos moi dados a erguer falsos deuses á minima de cambio. Agora xa non se mangan libros. E é unha mágoa. En serio. Unha desgracia. En cambio fanse as cousas máis raras con eles. Atópoos en moitos lugares de copas decorando os recunchos que deixan libres as moreas de pantallas de plasma. Podes ir comer ao local máis glamuroso da túa cidade e atoparás libros de hai cen anos coa sinatura a pluma do seu antigo propietario facendo de mostrador. Teño observado que ningún cliente lles bota a man nin para entreterse mentres agardan polo xantar. Hai auténticas bibliotecas de autor facendo de repisas en cuartos de baño de restaurantes, escaparates de ópticas e amoreados nunha instalación dunha galería de arte. É a epifanía da Galaxia Gutemberg. Os máis exquisitos celebran este éxitus (morte do autor, morte na novela, morte de deus, morte da historia...e como sigamos así a morte do viño da casa) co embarazoso proxecto dun alumbramento máis. Dublinesca -que precioso nome- de VM é un dos mellores exemplos. E así, cada día sorpréndome e disfruto do curioso destino de tantos e tantos libros que van sobrando nas casas e nos almacens. Propóñovos un brainstorming deses que empregan os executivos para chuchar aínda un pouco máis dos ósos do consumidor para aportar ideas. ¿que se podería facer cos demasiados libros?. Eu comezo pola curiosa proposta de Brian Dettmer. Mirade en que marabillas converterse un repertorio lexislativo, a enciclopedia británica ou as reglas de encabezamento de materia da Universidade de Laval. Ai que gustazo desfacerse tamén dos tratados de dereito internacinal, das reglas de catalogación. Mágoa que as normas UNE non veñan ben encuadernadas.

3 comentarios:

cãosemdono dijo...

Propoño cortar todas as patas de cantas sillas e mesas teñas a man para calzalas novamente con libros e que non coxeen.

Tamén se me ocurre que se podería poñer unha granxa de termitas e cebalas coas obras completas de Paco Umbral esfaragulladas.

cãosemdono dijo...

Fabricar velenos letais coas obras completas de Sanchez Dragó, e armas de destrucción masiva mesturándoas cos artigos de opinión de Fernando Savater, para a continuación inoculalas subrepticiamente nos conductos de ventilación dos estudios de televisión de Intereconomía.

Dios, que me lanzo...!

Sigrid dijo...

ostras, eu quería facer unha proposta, pero as de caosemdono deixaronme abraiada...non podo competir, mimá!