miércoles, agosto 22, 2007

Keith Haring en Pontevedra










Graffiti anónimo (Pontevedra)
A exposición de Keith Haring en Pontevedra gustou a Lucía, Miriam e Alma. Ollaban as obras coa famenta curiosidade dos dezaséis anos e procuraban atopar o significado de cada trazo. O can, a espada luminosa, os pratos voadores...conteilles o pouco que sabía de Haring, a súa relación con Warhol, os comezos como grafiteiro, a sesión na que tiña que pintar o corpo de Grace Jones na que tamén estaban Mappelthorpe e Warhol, a técnica do gravado...pero elas devecían por máis explicacións e decidiron agardar unha visita guiada. Este tipo de visitas, malia ser agradecidas por un público que adoita rexeitar as obras contemporáneas teñen sempre o vicio de desfacer o feitizo da comunicación directa co artista, a liberdade na interpretación de mensaxes concibidos como unha conexión íntima con cada un de nós. A guía debería de suxerir, abrir vías de reflexión e fomentar unha curiosidade que xere no espectador unha imperiosa necesidade de procurar máis información e incluso as vías para atopala.
Esta exposición prestábase a facer referencias a propia cidade de Pontevedra e a súa vinculación coa arte e concretamente co grafitismo. A poucos metros das obras de Haring temos exemplos como o que reflexa a fotografía. Pintar en lugares públicos é un xeito de expresión que se practica dende antigo, Haring é un de tantos, non o dubido. Tiña técnica, imaxinación e sensibilidade, pero tamén tivo a sorte de atoparse co cazatalentos. Aqui preto de nós temos tamén moitos Harings. Mirade a foto. O lupus dei, é unha composición moito máis complexa co famoso can. A crítica á secta é representada dun xeito divertido e imaxinativo, un magnífico icono de artista, de momento, descoñecido.
Información sobre Haring: Web oficial, Wikipedia.
Lecturas sobre Haring:
Diarios. Podes atopalos na Bibliotecas de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Procura máis libros no WorldCat

2 comentarios:

SurOeste dijo...

Pois si, o grafiteiro anónimo ten moito miolo.

Mario dijo...

Creo que nunca defrutei tanto da arte como cando era noviño, supoño que é ese momento no que aínda aspiras a comprendelo todo cando podes sacar moito zugo destas cousas. Ás veces custa recuperar a inocencia desas miradas. Aver se me queda algo de tempo para ir a vela.