O noso flamante Premio Nacional de Literatura Dramática Rubén Ruibal vén de agasallarnos cun novo texto dramático publicado por Estaleiro Editora. Disfrutei abondo con esta obriña, con esa mestura de humor e ironía coa que Rubén crea as esperpénticas personaxes nos que recoñecemos as dramatis personae que conviven connosco nunca realidade moito máis estúpida e ridícula co que se reflicte no espello do seu texto. A acción desenvólvese nun museo no que se está a inaugurar unha curiosa exposición "A esencia da ausencia, de Hjerbert Bonn. Nada sobre nada". Un texto premonitorio se temos en conta que poco despois de ser escrito asistimos a eventos deste tipo, como a famosa Bienal de Sao Paulo proxectada por Ivo Mesquita onde se expoñía a mesma obra, é dicir, a nada. Ou esoutra que comentei xa hai un tempo. Sobre o fraude e o simulacro na arte contemporánea tense escrito xa abondo, mais temos que recoñecer que o tema da para moito pois non deixa de ser un reflexo desa cultura do envoltorio que nos abafa. Museos sen obras, megaconsntruccións culturais que engulen orzamentos e discursos nun entorno que non ten por que comprender o "efecto Guggenheim", no que a imitación de discursos alleos produce arrepío. Sen dúbida, e seguindo a Rubén, estamos a perder pé coa realidade. Non hai que facer ningún esforzo para detectar o absurdo, que é o que aquí se representa. Unha obra "absurda" no senso do urinario de Duchamp ou da merda de Manzoni. Neste museo do ridículo aparecen deliciosas personaxes que provocan a gargallada. Duluth e Alba, o retrato do aburrimento e o insomnio. Dúas culturetas lesbianas que nos agasallan con deliciosos diálogos que lembran a eses insoportables amigos que sempre andaban a anotar "ideas" nas súas axendas. Nefertiti Insomne, unha performace full time que se laia continuamente da competencia das obras novas en exposición. Unha Garda de seguridade ilegal que remite aos malísimamente chamados "sen papeis". A Artista da xeringa e a a Funcionaria titulada, asesora e asesora da asesora, modelos deses novos profesionais que non sabemos nunca a que se adican. Peralejos en estado puro. E o que soña, ou non, Hjerbert Bönn, que interrompe a acción para adicarnos acaídos parágrafos do O livro do desassossego de Fernando Pessoa. Tomeime a molestia de investigar algunhas referencias que semellaban ficcións para atopar realidades que coma sempre a superan, e ahí ven o esperpento, a ¿obra? de Mike Nedo, Amodiozko Ziriflipa, o brazo articulado de Sterlac, o artista porno Rocco Sifredi. A diversión estavos asegurada, e se a ledes coa banda sonora que propón Rubén, por exemplo o Alice de Tom Waits, o éxito será rotundo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
¡Moitas gracias, Ana!
Publicar un comentario