lunes, diciembre 01, 2008

Premio Glaneuse.

Non coñezo a verba galega para espigar, aínda que...¿como dicía o avó?, si, velaí está, apañar. Como imos apañar as patatas. Ben, ao caso. Espigar, apañar, son verbos en desuso. Reflicten accións que xa poucas veces se levan a cabo e se se fan, non é dende logo dun xeito semellante ao que lembramos. Espigar, apañar, facíase en grupo e facíase na eira. E o que se recollía, fosen patacas, ou millo, ou mesmo cabichas, eran obxectos de valor para quen o facía. Agora os obxectos son valiosos precisamente porque se fabrican para que se estraguen o mesmo día que finaliza o seu período de garantía. O sistema, deste xeito tan pernicioso, retroaliméntase e fai posible a circulación do líquido elemento que mantén vivo ao monstro. Esquecede pois as vellas consignas. Nada de gardar, coser, arranxar, aforrar, pegar, enfiar, amorear. Desbotade as cousas dende que as pagades. Ese é o camiño, a verdade e a vida. ¿ou non estades a ver cada día as transfusións que se lle teñen que practicar aos nosos fornecedores de alimentos, paixóns, vestidos, medicamentos e manufacturas de todo tipo? Ben, esquecede todo o anterior, son desbarres meus, dun luns moi frío, pero tamén moi triste porque seguimos sentindo os laios das que saben que van morrer irremediablemente a mans dun home que amaron e polo que renunciaron absolutamente a todo. Hoxe volve ser un deses días nos que a sensación de impotencia me afoga. Mais sigamos espigando, apañando. Porque neste mundo aparentemente irreal da rede, hai tesouros en forma de blogs que día a día, fan compoñendo un fermosísimo mosaico que da vida ao que se fixo para non tela. Lula, por exemplo, é unha auténtica glaneuse. Para ela, vai este premio. Porque o merece. Porque os colecciona. Porque apaña cabichas que pola maxia da súa verba se mudan en alfaias. E sobre todo...para que non marche. E co premio, achégote, achégovos este fermosísimo documental de Agnes Varda.
Les glaneurs et la glaneuse

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Queridísima Ana, qué ben me coñeces! non podías darme nada que apreciase tanto como este título de "apañadora". Belísima metáfora da voráxine na que estamos metidos, humilde oficio do que se detén un chisco, e se inclina, e atopa. As cousas máis fermosas son sempre as máis sinxelas, como este vídeo, pura poesía, de Agnes.
Ti es a miña mellor "pataca" apañada nestes mundos de Internet.
E vou parar xa porque Harvey estame dando patadiñas por debaixo da mesa ;)
Moitísimas gracias e humildemente agradecida.

O Fuco dijo...

Este dodumental poderase ver a vindeira fin de semana en Compostela co gallo do primeiro Foro Social Galego.

Anónimo dijo...

Qué hisiste, apañadora,
qué hisiste, apañadora,
qué hisiste, apañadora,
qué hisiste, apañadora
...

¡apañadora...! [coro, con reverberación e "por lo bajini": apañadora!]
¡apañadora...! [novamente coro, "por lo bajini": apañadora]

Et coetera.

(Percusión e trompetería ad libitum)

Ana Bande dijo...

Lu,
Vai poñendo ese écharpe e as luvas a xogo e imos apañar unha..¡con este frío que vai!

Fuco,
Mimá, terei que mirar eso do ForoSocialGalego, está por todas partes. E digo eu, non haberá inflación cultural con tanto foro "ad hoc"? Veremos a ver...

Canciñouuuu!!!! Pero ¿onte te metes? ben podías mandar unha afoto lambendo un xeado de mango nesa túa latitude tropical para darnos envexa...¡veña oh! aquí estamos a morrer e o bló este está xa medio petrificado. ¡foto! ¡foto! ¡foto! (eso sin, sen aquelas alpargatas, please)

perplejo dijo...

debullar