domingo, enero 04, 2009

El harén de occidente.

Un verdadeiro tesouro este texto dunha penélope noctámbula que moi de vagar, mais sen descanso, vai tecendo páxinas e desfacendo o descomunal nó no que ser foi enredando un fío que semellaba perdido nunha descomunal maraña de mentiras, vinganzas, guerras, represións, cárceres, censura, fundamentalismos. Os textos de Fatema son correntes de auga transparentes que corren cara arriba. Dende a foz ata o cumio, dende o fedorento curso baixo onde as augas quedas podrecen baixo as escumas que cuspen as mentiras tóxicas, a autora vai quitando capas de lixo. E pouco a pouco, pelando a cebola, que diría o señor Grass, ou coma o restaurador que vai retirando delicadamente capas de xeso, van aparecendo as impresionantes cores do fresco renacentista, enxergamos a verdade. O libro de Fatema xorde dunha situación trivial, vulgar e repetitiva. Mais as teorías máis revolucionarias son de orixe moi humilde. Unha mazá que cae, por exemplo. No caso que nos ocupa, Fatema anda a promocionar o seu derradeiro libro e en tódalas entrevistas invariablemente, cando pronuncia a palabra "harén", os homes sorrín. ¿como se podía sorrir perante unha verba que significa cárcere e inxustiza? ¿por que os occidentais os identifican con prostíbulos? Fatema debuxa unha imaxe moito máis completa da muller oriental que a que se empeñaron en fixar para occidente artistas e escritores que nunca viaxaron a Oriente. Scherezade inspirou infinidade de relatos, películas, ballets, óperas...mais poucas veces se fixo unha lectura directa e respectuosa. Saliéntanse aspectos puramente físicos cando en realidade só unha capacidade intelectual abraiante foi quen de salvar a vida cada noite inventando fabulosas historias que enmeigaban a Shariyar. A muller oriental non é só un corpo ao que agochar baixo sete veos, a danza do ventre non ten sentido fóra dun contexto no que adoitaba completar unha formación moito máis refinada. E por outra banda...¿por que occidente despreza, ou disimula que despreza a marxinación da muller oriental cando leva aceptado no seu propio terreo e dende milenios unha situación moito máis humillante? Non temos máis que ler a Kant, Lo bello y lo sublime, por exemplo. O menos grave do que se di é que a muller ten que deixar para os homes a comprensión profunda de especulacións abstractas...Eu, coma a señora Mernisi, só vexo nas verbas de Kant [et.al.] un profundísimo medo á muller que se traduce en mecanismos de defensa moi semellantes en tódalas latitudes. Efectivamente en Oriente o medo tradúcese no velo, un xeito de marxinación que emprega o espacio. A muller non ten voz na ágora, a rúa é dos homes. A muller ten que estar pechada. Nos modernísimos estados occidentais as mulleres podemos ir espidas pola rúa. Aquí é o tempo e a imaxe o que nos marxina. Non nos está permitido botarnos anos enriba. Á señora Fatema non lle atoparon unha saia nos grandes almacenes de Nova Iorque porque non cabía nunha 38. Eu tamén estou farta de dicirlle a miña filla que na 95b por moita 95b que sexa non me entran as tetas...¿canto tardarei en respetar estoutra Sharia das tallas occidentais e poñerme a réxime para que o meu corpo se adapte ao deseños dos nosos executivos (que acaída verba!) da moda?

3 comentarios:

Lula Fortune dijo...

Unha 95b... quen a pillara!
Feliz ano, queridísima Ana. Empezo xa anotando as túas recomendacions literarias. Eu tamén estou lendo un libro de mulleres, xa falaremos.
Viches que irreverente te puxen no meu blogobelén? vouno gardar para o ano que ven. Biquiños e o dito, moita felicidade, paixón e rebeldía.

Ana Bande dijo...

ja..ja...que non, que non, que hai que voltar aos de ballena. Si, moloume mogollón ese blogobelén, vai pillando entradas para o averno.

Anónimo dijo...

ficho o libro para a próxima vez que vaia pola biblioteca. a túa recomendación sempre é unha garantía á hora de seleccionar.
moitas grazas!!!