Ensimismado, repasaba mentalmente o texto da presentación da conta de resultados que tiña que expoñer ante un estrado que sempre me aterrorizaba. Avanzaba lentamente na ringleira de control do aeroporto de Baraxas. Acordei co balbordo da proximidade do arco detector e da cinta transportadora de revisión de equipaxes e foi entón cando erguín a ollada me decatei do incidente. En canto a muller que me precedía se inclina para deixar as súas pertenzas na cinta advirto a fermosura das súas nádegas por mor dunha esgazadura no seu pantalón que deixa ao descuberto unha proporción demasiado alarmante da súa intimidade. Primeiro quedei paralizado e sen saber como actuar. Advertila nese intre suporía crearlle unha situación demasiado incómoda, e non facelo facíame sentir culpable de alta tración. Tratei de acougar enchendo os pulmóns de ar mentres observaba as deliciosas formas daquel corpo que se resistía voluptuosamente a permanecer na paréntese dun traxe de executiva que, derrotado, non agochaba as súas ansias de dominación. Pasei o control nun estado de excitación esaxerado, non sei se tanto pola miña preocupación por axudala nese mal trago como polo aturdimento provocado pola contemplación dun pedazo de anatomía que se me presentaba como ofrecemento solemne dunha liturxia que estaba a piques de comezar. Apurei ao máximo os trámites para contrarrestar os poucos metros que me levaba de vantaxe. Sen prestar case atención agarrei rápidamente o meu maletín de man e corrín tras ela, tiña que achegarme coa suavidade e a precisión xusta para non asustala e asegurarme a súa atención. Decidín abordala verbalmente cun case inaudible por favor que tiven que repetir en tres ocasións sucesivamente máis sonoras ata conseguir que se volvera cara min. Tiven que facer un verdadeiro exercicio de concentración para evitar que aqueles ollos negrísimos me tolearan completamente. Non lembro que foi o que lle dixen exactamente pero decateime que advertiu axiña o ocorrido cando botou a man moi delicadamente ao seu traseiro. Unha complicidade tan espontánea como incomprensible nos levou cara a zona vip onde me ofrecín a axudala aínda a risco de perder o meu voo. Fixen que sentara tranquilamente mentres eu ía na procura dun fío e dunha agulla que ían ensarillar algo máis que unha simple rachadura nun tea.
Fío da fotografía: Chema Madoz
1 comentario:
Moi fermoso, acadas un incrible grado de sensualidade a través da mirada do protagonista. É unha bagoa que na realidade os momentos sublimes, os incidentes accidentales, non se poidan suspender no tempo. Unha beleza.
Publicar un comentario