Podería ser o día de comezar a escribir, de rematar algún proxecto indefinidamente adiado, de tomar unha sabia decisión, de reflexionar sobre algún balance, de mercar un billete de avión ou de pintar o derradeiro pesadelo. Hoxe podería ser o día de encherte a bicos, tantos, tantos, tantos, tantos como precisas, como mereces polos teus inquebrantables silencios, pola tenra e desinteresada afección a quererme. Hoxe pode ser un día no que morra esa planta e non se cumpran absurdos presaxios, por exemplo ¿non?....e estaría ben tamén celebrar que nos coñecimos, celebrar todas as noites que nos apartamos daquela estridente música dos oitenta para ser tan deliciosamente indecentes. Tamén estaría ben que me agasallases cun 20 dourado, ou mellor un 28D, pero esta vez ten que ser con todo o perigo posible, quéroo dun deses portais de urbanización de luxo e garda de seguridade privada. E que salte a alarma. Veña, atrévete. Pode ser hoxe o día de quedarme durmida co pitillo prendido outra vez. E que soe T.W. ou I.D., mentres dende a distancia, sempre dende a distancia, ollas o absurdo ritual dunha competición que sabes que gañarás sen separarte un centímetro da barra do Bar.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario