jueves, febrero 18, 2010

O´C´29

Tiña pensado contactar con vostede para devolverlle certos documentos persoais seus que rescatamos A. mais eu hai algúns anos dunha preciosa casa en ruinas pouco antes da súa demolición. Algunhas escrituras de propiedade, fotos en blanco e negro e algunha en sepia que se eslúe cada día un pouco máis, unha vella carteira de coiro coas iniciais douradas do seu tío e, algunhas curiosidades que vostede ou a súa familia gardaron nun caixón algún día. Bah, cousas, a fin e ao cabo, cousas que quedan cando marchamos, provisional ou definitivamente. A maioría son a proba que acredita a vulgaridade da nosa existencia. Un preito por un curruncho de terra que fica hoxe vai ti saber onde. Un feixe de facturas e recibos da contribución escrupulosamente ordenados que me levan a imaxinalo a vostede con ese aceno de eterno cabreo que impón tanto respeto. Un precioso carnet de socio da máis selecta sociedade recreativa auriense dalguén da súa familia cun porte distinguidísimo. Algún salvoconducto como se precisaba para atravesar tanta fronteira nesa idade de pedra que foi a posguerra. En fin, papeis, cousas, obxectos. Agardarei algún tempo, que agora anda moi preocupado coas lideiras desa nova maxistratura que veñen de concederlle, e máis que virán. Vostede ben o merece por sabio e traballador. Malia todo, hoxe, cando o vin sorrindo apretándolle a man ao noso caciquiño de toda a vida, quitáronseme as ganas. De súpeto esquezo frases fermosas e requintadas páxinas que facían lexible algún xornal desta leira. Porque si, enténdoo, ten vostede que falar con todos, pero ese seu sorriso non é disimulado, esa aperta non é puro protocolo, digamos que se lle ve a vostede moi a gusto co noso político máis xeitosiño, o habelencioso continuador do sistema do carallovintenove que, para desgraza desta leira ten asegurada a súa política de "para iso ten que falar vostede con" durante moitos anos.

No hay comentarios: