Si, A., a patria...unha desas verbas perigosas que deberían de asubiar a xeito de advertencia, que dicía Canetti. Unha, grande e libre, común e indivisible. Deberiamos construir un cárcere para estas verbas asasinas e trampeiras mentres non haxa mestres sensatos que lle aprendan aos cativos a manexalas coa precisión do reloxeiro. Verbas-larpeiradas de material inflamable que provocan unha irresistible predisposición a prender lume ao que simbolice a outras patrias, e por extensión a outras razas, nacións, tribos, sectas ou parroquias. A patria, cicais o invento menos gracioso do que gabármonos, pero máis efectivo que moitos deuses no que a inputs de holocaustos se refire. Pobres deuses anódinos que fuxen dos olimpos reocupados por impertinentes stakeholders que non respetan nin a antigüidade no posto. Que graza pode ter morrer e matar por deus nestas latitudes hipercivilizadas, eso é cousa dos que saen na televisión abaneándose ao tempo que memorizan absurdos versos sagrados, porque non son os nosos. Pero solidarizármonos cos mártires que sementaron o orgullo xentilicio, eso é outra cousa. Que importan as guerras, xenocidios, to(lo)dos polas patrias, polo noso, porque se respete a nosa superioridade de sermos diferentes dos que viven un pouco máis aló desa raia que alguén moi espelido debuxou non hai tantos anos. Que mais da quen fóra e para que o fixo. Agora hai que defender a terra reconquistada e prender un bo lume para que non se acheguen as feras. Vaia conto...¿quen traga con todo eso?
Recomendación de lectura.
Foto: Libreta escolar de Álvaro Blanco Vila, conservada polo profesor da Escola Pública "Mosteiro", en Bembrive, Vigo, e fotografada co permiso do autor. A libreta é do ano 1964.
No hay comentarios:
Publicar un comentario