martes, abril 05, 2011

Santuario, Edith Warthon

O primeiro que me pregunto sempre que descubro un texto feminino desta exquisita factura é como foi posible que autoras da calidade de Edith Wharton sexan aínda hoxe tesouros por descubrir para o grande público. Seica Santuario é un texto menor desta autora. Sendo un relato dunha perfección e beleza sublimes celebro poder adiar momentos de lectura apaixoantes coa Casa da Alegría, Ethan Frome ou A Idade da Inocencia. O pracer acádase cando se dispón da vontade e posibilidade de retardalo. Coma cando nenos deixábamos o máis rico da comida para o final. Santuario é unha novela curta, 168 páxinas, nas que a autora somete á lingua a durísima proba de ser quen de describir as sensacións máis sutís e imperceptibles que pasan pola cabeza de Kate Orme/Kate Peyton. Non hai unha frase improvisada. Cada verba e cada lugar que ocupa está milimétricamente pensada para erguer un relato que podería construirse coas cores mesturadas na paleta dun paisaxista que coñecera todos os matices cos que a néboa debuxa a campiña inglesa. A excelencia do traballo seguro que ten moitísimo que ver coa tradución de Pilar Adón e dende logo coa riqueza dun prólogo tamén exquisito da tamén escritora Marta Sanz. Os libros de Impedimenta son de colección, cada exemplar que cae nas miñas mans corre o risco de non voltar aos anaqueis da biblioteca de ricos que son.

2 comentarios:

Sigrid de Thule dijo...

Totalmente dacordo.Edith Warton e Wilie Collins son dous dos deuses do meu altar. Recoméndolle, tamén nesa marabillosa editorial dúas cousas moi diferentes, pero, coma di vostede, de exquisita e impecable factura:
1) Diccionario de literatura para snobs
2) Las señoritas de escasos medios de Muriel Spark

cialis dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.