domingo, octubre 28, 2007

Artfutura 2007. Documental 8 BIT

No MARCO de Vigo puiden onte visualizar o documental 8BIT. Trátase dunha proxección sobre o mundo dos videoxogos e a súa importancia na cultura. Coñecín un a música Chiptune, e quedei certamente sorprendida con esta modalidade de composición musical a base de 8 bits e que a xulgar polo documental, ten moitos seguidores en todo o mundo. Dende logo hai que estar abertos ás novas tendencias pero non deberiamos sacrificar tan doadamente as nosas esixencias estéticas, ao contrario, neste tempo de escasez de arte (tanto tanto con maiúscula como con minúscula, e de profusión da estética) temos que cuestionarnos cousas tan básicas como a pertinencia dun museo para amosar traballos coma este. Mentres o público se deixaba engaiolar con estes novos GJ´s (Gameboy Jocqueys), eu sentinme un pouco enganada unha vez máis porque de saber que ía ver un documental sobre novas tecnoloxías, aínda que sexa aplicadas á creación, ao mellor non viña ata o centro desta cidade, o que por certo, cada día custa máis cartos.
Por outra parte, 8 BITS, queréndoo ou non, exemplifica moi ben este momento de confusión e mestura, neste caso moi premeditada, entre arte e publicidade. O producto está tan ben feito que é imposible rexeitalo por puramente publicitario sen risco de ser acusado de virar as costas ás novas deusas (i.e. novas tecnoloxías) da post-post modernidade. Pero o certo é que a maior parte do tempo se está a falar de "marcas", iso si, con moito humor: Gameboy (e girls), Commodore, Atari, Play Station, etc. Velaquí un síntoma ben claro do estado actual de cousas no mundo da arte. Os artistas están en todas partes, son deseñeadores de campañas electorais, creativos de empresas de tódolos sectores, publicistas, escaparatistas...non é de estrañar logo que haxa tanta "obra" e que precisemos cada vez máis museos para acoller tal inflación de traballo artístico.
Fóra destes aspectos negativos algunhas propostas parecéronme moi interesantes, como o traballo de John Klima.
Aquí vos deixo as ligazóns dos protagonistas do documental para ver de que vai esto do netart.
Cory Arcangel, Bit Shifter, Bodenstandig 2000, bubblyfish, Mary Flanagan, Alex Galloway, Glomag, Paul Johnson, John Klima, Johan Kotlinski, nullsleep, Joe Mickay, Tom Moody, Akiko Sakaizumi, Eddo Stern, Teamtendo, Treewave, Carlo Zanni.

No hay comentarios: