miércoles, octubre 17, 2007

¿censura no blogomillo por unha mariquita de Iolanda Castaño?

¿aduaneiros fechado por censura? Pois a min que me expliquen onde está a ofensa...agora, si é por darlle pulo ao blogomillo ¡adiante!

15 comentarios:

Mario dijo...

Pero tal cousa pode ser certa? Érache o que nos faltaba!!!

O pastor eléctrico dijo...

Iso, era o que nos faltaba. Parece que a Yolanda Castaño non lle chega con molestar na Tv e na prensa e ten que facelo tamén por internet.
Hai que modificar a constitución para incluir o artigo de "Injurias a las pijas conocidas"

SurOeste dijo...

Eu tamén dubidei, pareciame totalmente surrealista, pero parece ser que é certo.
Non acabo de entendelo, sendo como é ela, hipermoderna, debería de estar orgullosa de que os Aduaneiros a entronicen definitivamente como icona da hipermodernidade galega, porque en definitiva é do que vai, de bonequiña, que hoxe aparece en pantalla disfrazada de "colexiala" e mañá de Cleópatra e pasadomañá de Señorita Rottenmeyer. Simplemente ten que asumir as implicacións da elaboradísima imaxe-espectáculo que fixo de si mesma.
Ala, veña, non sexamos tan drásticos e que se aveñan todos. A vida sen ASF é unha sosada, e sen os modelitos diarios na sobremesa de YC, outra.

Ana Bande dijo...

Alguén por aí que saiba como facer un "banner" destes que se pon no blog como o de "apoio a Isaac Diaz Pardo" e que mande o código, please, pero que non faga referencia a I.C. senón aos Aduaneiros que son os que precisan apoio, non sexa que a nosa poeta nos demande a tod@s e con publicidade gratuita para ela.

SurOeste dijo...

Eu penso que a mellor maneira de manifestar a nosa solidariedade é mostrar a nosa disposición a axudar economicamente a ASF, se fixera falta, aínda que a verdade non creo que o asunto prospere, para min que é só buscar publicidade gratis. Polo de pronto a contraportada do diario La Opinión é toda dela.

Ana Bande dijo...

Paréceme ben pero habería que contactar con ASF e agora que non teñen o blog non sei como facelo.

SurOeste dijo...

Eu propoño facermos un manifesto no que se inclúa a solidariedade económica se fai falta e firmar como responsábeis das nosas páxinas ou a título individual e deixar un enderezo electrónico. A ver, os plumillas que estades ben relacionados coa prensa, onde se pode publicar?

torredebabel dijo...

eu non sei qué tan garantistas serán as leis na Galiza respecto da liberdade de expresión, pero é desesperante (cando menos dende esta beira) que diante dun caprichito alguén teña que calar a boca. Non podo creer que a Xustiza traballe tan mal ou meta tanto medo...

R.R. dijo...

¡Amodo ho! A min todo isto chéirame a marketing (cutre, pero si)

Ana Bande dijo...

Cutremercadeo total si, pero haber se imos consentir que calquera famosillo nos peche o bló por unha rabieta, porque segundo me contan a tal YC non se conformou con que se suprimisen os comentarios ofensivos, senón que quixo pechar todo o bló, gañar gañaría en publicidade pero todiña para ela.

arume dos piñeiros dijo...

Pero que ten que ver que sexa antipática, hipermoderna, pija e non sei cantas cousas máis (tal vez a de ser muller a quen poñen a feder con comentarios dun machismo noxento) con que decida reclamar que sexan borrados os comentarios ofensivos no blog de Aduaneiros? Pode pasarse, pode ser excesiva e pode ser criticadísima por esa decisión, pero non por ser o que é ou o que pretende ser. O feche de Aduaneiros (tomado por propia decisión baixo a presión inaceptable dun avogado) é lamentable: eu rexeito tal situación en nome da libertade de expresión, pero non parece de recibo esta lapidación de Yolanda Castaño, por moi mal que nos poida cair.

Ana Bande dijo...

Logo de saber dos desprezables comentarios sobre I.C. pedín información sobre o tema, máis que nada por non facer o ridículo participando nunha farsa de famoseo, co que me arrepían estas cousas. Dixéronme que I.C. non se conformou con que quitaran os comentarios ofensivos, senón que pediu a retirada do bló.Paréceme dunha prepotencia excesiva esto de xudicializar toda actuación coa que non estamos de acordo. Eu disfruto moito da liberdade de expresión dos novos medios, aínda que tamén teñen un lado oscuro ben noxento. Pero atopei na rede, concretamente nos blogs, información de moitísima calidade e gustaríame poder seguir disfrutando deste anaco virtual para poder expresarmos coa liberdade que nos deixa a nosa conciencia, que xa é ben pouca logo da autocensura que todos nos aplicamos. Non me parece que cada vez que o protagonismo dun feito teña sexo feminino teñamos que parar automáticamente a pensar....ei, para, é unha muller, pódense ofender se a ataco, ou alguén pode verme como feminista se a defendo...aquí non se trata de sexo, trátase de liberdade de expresión e o que non se lle perdoa a I.C., penso, máis que nada porque pode capitanear unha nova Orde de Cabalería contra o abominable mundo dos blós, é a chulería esta de vir pechar unha web enteira.

apicultor dijo...

Concordo con Ana Bande.

arume dos piñeiros dijo...

xabier cordal, vieiros

O linchamento público que estes días sofre Yolanda Castaño culmina a lenta xestación dunha maquinaria perversa e anónima.

Coa poeta compostelá teño dúas relacións que ocasionalmente conflúen. A máis valiosa é a amizade, un regalo do que me honro porque Yolanda Castaño sabe sempre estar á altura do que se espera nas persoas onde depositamos a confianza. A outra relación, que poño en segundo lugar pero tamén aprecio polo moito que un dá aprendido, é literaria. O que significa tamén cultural e significa tamén política.

Os amigos de Yolanda xa facemos o pouco que está a noso alcance para que toda esta vaga de estrume chegue ao mar e ocupe o seu sitio na historia, máis ben minúsculo. Así que vou falar, con licenza, como compañeiro. Na cultura galega hai discrepancias, polémicas, mesmo aversións persoais. Practicamente nunca, que eu lembre, rebordan os límites dunha convención desas que non se asinan.

Nunca rebordara até estes días. Acubilladas en nicks, varias persoas decidiron culminar un proxecto de demolición contra a personaxe pública e privada Yolanda Castaño. Que esa personaxe resista en pé –ha resistir– e que a persoa aguante como pode non resta gravidade ningunha ao vendaval.

As personaxes públicas son e deben ser criticadas. Iso carece de límites no que atinxe ao estético, ao político e ao que ten de persoal a imaxe escollida por cadaquén para comparecer nos medios.

Todo comezou así, coma unha cuestión de críticas ao atrezzo da personaxe. Os anónimos escribían pola rede se lles parecía guapa ou non, se a súa actitude lles parecía correcta ou non. Os anónimos ampliáronse ao profesional: se facía ben ou mal cobrando por traballar aquí e aló, se cobraba moito ou pouco. Até este punto eu, calquera, podía argumentar o que lle dese a gana, situarse no bando oposto, matizar ou condenar sen paliativos. Os anónimos teimaron: tanta presenza pública ulía a arribismo; en calquera caso, unha consideración subxectiva aínda que mal intencionada. E así, durante anos, insidiosamente, máis e máis anónimos foron esvaecendo a pequena fronteira que hai entre un desacordo estético ou político, un xuízo moral e unha condena sen xuízo onde a mentira ten barra libre e o fin xustifica os medios.

Os anónimos competiron a ver quen escribía o insulto máis besta. O altar terrible da posmodernidade consegue que, incluso nun país onde todo o mundo se acaba coñecendo, as persoas (non só as famosas) se convirtan en artefacto dixital. A consigna vén sendo: se sofre, que lle dean, e se escribo unha falsidade que a desminta nunha roda de prensa.

Que a vítima fose muller facilitaba a lapidación. É un síntoma para anotar: as peores mamalonadas que lle caeron a Castaño nunca se usarían para denigrar unha personaxe pública masculina, coide ou non a súa imaxe, pida ou non diñeiro por desenvolver o seu choio (como fan os fontaneiros e os deseñadores de tulipas), teña ou non éxito. Si es que van provocando, neno. Éche coma a norteamericana esa, a atleta da pértiga: se está boa e sae na tele, que se foda.

A Yolanda non a amolaba a brincadeira interactiva de poñer e quitar modeliño. Comentámola por teléfono, acórdome ben, cando saíu na rede, aínda que creo que a min me fixo máis coña ca a ela. Aduaneiros sem Fronteiras, web de nome xenial e momentos intrépidos, con cuxas caricaturas tod@s nos temos rido nalgunha ocasión (Xosé Ramón Reboiras Noia non puido celebrar a que lle dedicaron porque foi dos que apostou a vida e perdeu para outros poderen, por exemplo, facer caricaturas), Aduaneiros, dicía, virou habilmente a súa responsabilidade á hora de manter na rede os insultos -e non é que lles faltasen meses para eliminalos- e invocou un ataque contra a liberdade de expresión. O mundo do rivés. Esquecemos a materialidade das palabras e o carácter case sagrado dalgunhas delas até que petan na nosa porta. Entón si que si, acudimos ás maiúsculas e acusamos a quen chama de non facelo con tres toques serenísimos, pedimos elegancia, respecto e deportividade.

arume dos piñeiros dijo...

fernán vello, galiza-hox
Yolanda Castaño e os ASF
Dende que a coñecín, admirei a excelente páxina dos Aduaneiros sem Fronteiras. Fresca, divertida (etimoloxicamente, "fóra do vértice") e mordaz. Sen dúbida, unha fonte de creación humorística necesaria e saudábel. Cando tiven ocasión de ver a montaxe aduaneira sobre Yolanda Castaño, tamén esta me pareceu divertida, no mesmo sentido etimolóxico do termo, mais de inferior calidade con respecto a outras propostas, sumamente intelixentes, da factoría ASF. ¿E por que digo de inferior calidade no caso que lle afecta a Yolanda Castaño? Porque eu acredito na profunda relación existente entre a ética e a estética, entendendo aquí por ética, como diría Luis Ripoll, o fundamento razoado e racional dos sentimentos; e na montaxe sobre a nosa poeta destilábase, zumegante, un túzaro machismo gago ou patalicón. Yolanda Castaño é, ademais de gran poeta, unha muller libre, autoafirmada, e dende hai xa lustros colleita éxitos polo seu traballo creativo e profesional desenvolvido en diversas frontes. O perfil persoal e público da poeta é ben coñecido e –a miseria humana non ten límites– é fondamente envexado por uns poucos e por unhas poucas, amigos do vituperio e da aldraxe groseira, cando non da difamación ou da calumnia. A montaxe aduaneira propiciou, sen dúbida, a floración da xentalla ruín e os seus comentarios ofensivos poboaron o espazo ASF sen que os aduaneiros velasen pola ética e pola estética que debe imperar en todo momento. Eu fago meu o pensamento do filósofo André Comte-Sponville: "Pódese gracexar sobre todo: o fracaso, a morte, a guerra, o amor, a enfermidade, a tortura. O importante é que a risa engada algo de ledicia, algo de dozura ou de levedade á miseria do mundo, e non máis odio, sufrimento ou desprezo. Pódese gracexar sobre todo, mais non de calquera maneira. (…) A ironía fere, o humor cura. A ironía pode matar, o humor axuda a vivir. A ironía quere dominar, o humor libera. A ironía é desapiadada, o humor misericordioso. A ironía é humillante, o humor humilde". ¡Que volvan os ASF!