lunes, septiembre 20, 2010

El hereje, Miguel Delibes

Hai quen defende que é importante que a xente lea, sen reparar na calidade e mesmo na veracidade dos textos. Pero a min, logo de pechar os ollos para deitarme sobre esta inmensidade dos campos de Castela ollando os solpores que a pluma do escritor artesán debuxa páxina tras páxina, dame mágoa ver tanto tempo de lectura como se perde en eclipses, catedrais, códigos, biblias e andrómenas varias compostas sen oficio e sen arte ningún. Porque o xornal está case asegurado para quen rexistre o seu relato baixo o epígrafe que corresponde. Escribir novela histórica é garantía. Todos podemos comprobalo. E é unha mágoa. Primeiro porque o xénero non merecía esta arroutada editorial. Que o Herexe quede sepultado polos exemplares que só permanecerán horas nos anaqueis das librerías faime lembrar no personaxe de Hrabal. Hanta, aquel sabio de Praga que levaba trinta e cinco anos traballando nunha trituradora de papel. O seu amor polos libros manifestábase nesta curiosa actividade de destruilos e salvalos. Non me cabe dúbida de que Hanta libraría ao Herexe da queima xunto con aqueles Lao Tsé, Kant e Hegel que amoreou en tan perigosa inestabilidade nas paredes do seu dormitorio. Eu tamén salvaría ao Herexe da queima, como tamén salvaría a Cipriano Salcedo da fogueira da inquisición. Perderse este percorrido pola vida deste comerciante castelá si que é unha herexía, abofé.

2 comentarios:

Biblioteca Sarmiento dijo...

Ana ,co teu permiso, vou reproducir o post no blog da bilbioteca do instituto. A obra foi proposta de letura máis duhna vez, con exito razoable.

Ana Bande dijo...

Claro, e de paso recoméndalles a Bohumil Hrabal. Saúdos B.Sarmiento.