miércoles, septiembre 22, 2010

La conquista de América, Tzvetan Todorov (I)


Levo como quince días falando, soñando e debatendo máis ou menos (máis ben máis) acaloradamente sobre este ensaio xa clásico de Todorov. E canto máis o fago máis cuestións me plantexa a relectura de cada capítulo. É o que ten a proximidade d@s mestr@s, sempre contaxian a súa hiperactividade por saber, facer e coñecer. Así que compartirei con vós nos próximos días parte das miñas teimas, reflexións e conclusións sobre este tema e sobre todo coas propostas tan suxerentes do autor. Como os bos libros, este non presenta conclusións definitivas e as hipóteses e interpretacións convidan a glosar o texto continuamente. De feito vou ter que mercar un novo exemplar se non quero deixar totalmente inutilizado o da biblioteca. Agradécese a nobleza do autor xa dende a dedicatoria á memoria dunha muller maya devorada polos cans e a posterior xustificación da mesma coa -un vicio de investigador demasiado comprometido- transcripción dun parágrafo da crónica de Diego de Landa, Relación de las cosas del Yucatan. Non me podo resistir á súa difusión, é o mínimo que podo facer para respostar á petición do autor (escribo este libro con el fin de que no caiga en el olvido este relato, ni otros miles más del mismo tenos):

El capitán Alonso López de Ávila prendió una moza india y bien dispuesta y gentil mujer, andando en la guerra de Bacalar. Ésta prometió a su marido, temiendo que en la guerra no la matasen, no conocer otro hombre sino él, y así no bastó persuasión con ella para que no se quitase la vida por no quedar en peligro de ser ensuciada por otro varón, por lo cual la hicieron aperrear.

Canto se agradece na investigación esta sensibilidade. Creo que é das primeiras veces que atopo unha visión comprometida co xénero (humano) en traballos de tan alto interese científico. Todorov albisca nese encontro co outro (@ indi@) as claves para entender a relación con outros "outros" como a muller do relato. Dende este punto de vista non estaría de máis analizar a conquista como unha violación xenocida na que hai moitos verdugos moi claramente identificados (conquistadores, antes descubridores, frades, soldados) e unha grande vítima, un continente enteiriño. Pero non imos seguir por aí. Interésame salientar da primeira parte, a adicada ao descubridor, o comportamento completamente arcaico de Colón. Nas discusións que manteño estes días califícoo sen consideración algunha como un perfecto gañán e iso alporiza a alguns contertulios porque seica o seu comportamento obedece ás condicións dunha época, como se toda época pasada sólo polo feito mesmo de quedar atrás na liña do tempo que a nosa civilización debuxa cunha única punta de frecha nun extremo xa abondase para explicar feitos e comportamentos. Mais as fontes documentais conservadas (tendo en conta o alto grao de "inventio" como o feito mesmo de ser as que deliberadamente se conserven) falan dun Colón cunha incapacidade manifesta para interpretar a realidade que se lle ofrece, e isto, desgrazadamente, vai sentar as bases dunha crueldade ilimitada. Iso é o que di Todorov só que coas limitación que a súa posicion intelectual lle impó. A súa obsesión polas cruzadas amosa unha relixiosidade arcaica e insiste incluso en que Colon non é un home moderno, como se aquel que tiña que dar orixe a un mundo novo non puidera pertencerlle de entrada.

Nun primeiro momento esta conclusión levoume a pensar nunha especie de mala sorte ou nunha mala xogada do destino dado o calado moral e intelectual dos sucesores do descubridor na ocupación do continente. Mais penso que o resultado non sería moi distinto -dados os intereses tan limitados que tiñan os que desembarcaban en América- de ter sido "outros" os que chegaran primeiro. Bueno, o que si creo e que o feito de seren todos homes tivo moito que ver coas consecuencias. A posibilidade de que a descubridora fose unha muller era tan difícil como suxerente se me presenta o resultado e ademais o autor apunta tamén aínda que tímidamente ao carácter masculino desta grande xenocidio.

Teño moi recente a lectura do Herexe de Delibes e se comento o tema da crueldade da inquisición volve a xurdir o eterno "e que naquel tempo…”, esa manía outra vez do tempo lineal que imaxina unha evolución só nunha dirección na pulsión violenta do xénero humano. O século XVI que describe Delibes é o mesmo século XVI de Colón, no que hai xentes absolutamente pobres e entregadas á superstición (máis ou menos coma na actualidade) pero tamén hai xentes sinxelas que se cuestionaron o seu día a día, algúns en cenáculos segredos (pensar libremente sempre estivo prohibido se se fai en alto) onde practicaban o perigosísimo exercicio de debater e pensar. A maioría da poboación manifesta sentementos de respeto á vida dos demáis e concretamente dos que son diferentes ou inferiores (enténdase, con menos dereitos) como mulleres ou pobres. Nin se mataba a máis mulleres no século XVI ni se marxinaba máis aos que nada tiñan. Así que, é unha obriga plantexarse e dudar da condición moral de personas que como Colón van a responsabilizarse, independentemente da súa vontade, da sorte de todo un continente.
...to be continued...

1 comentario:

Anónimo dijo...

Bo comentario, dos mellores pró meu gusto.