miércoles, abril 27, 2011

Compendio experimental.





Foto: Formigueiro, 2011, da exposición "Edición Pirata. Poemas obxecto de Pepe Cáccamo", do 26 de abril ao 16 de maio de 2011. Biblioteca da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.


Fixen os anos que tiña que ter cumprido ao nacer, quero dicir....que se o contador se puxera en marcha hai unhas horas, ao mellor podería pensar en facer un soneto tan inmoral como inmorredoiro. Ou escribir unhas memorias como ese océano bulideiro e lene de Zweig para aforrarlle un pouco de infelicidade a vindeiras xeracions perdidas. Ou mellor aínda, para atopar o xeito de eliminar dun golpe aos traficantes de culpas, desenganos e demais andrómenas. Se se dera ese caso, o de nacer xa cunha morea de anos, podería chegar a facer películas como as de David Lynch ou retratar a soidade como Francesca Woodman, ou construir obxectos poéticos como Pepe Cáccamo, ler coa perspicacia da Szymborska, reflexionar coa afiado gume da intelixencia do esloveno...e eu que sei cantas cousas máis. Relevantes. Pero quen sabe se é moito mellor así, nacer desaprendidos para só ter uns segundos nos que albiscar futuros en paradisos doutras dimensións das que só sabemos unha cousa: que non chegaremos nunca. Canto pracer adobía de socato un sorriso e canta paixón inventamos coa valentía de sabérmonos, por fin, náufragos do irrelevante.


No hay comentarios: