jueves, octubre 12, 2006

Os blogs e a literatura en Tempos Novos


No derradeiro número de Tempos Novos Iago Martínez reflexiona en "Blogs e literatura. A ler a outra parte" sobre a relevancia do fenómeno do blog en Galicia e a súa relación co mundo literario. No que atinxe ao aspecto tecnolóxico, os datos, unha vez máis, apuntan ao subdesenvolvemento galego no eido tecnolóxico, a pesares de terse triplicado o acceso á internet nos últimos seis anos. En canto á relación coa edición e a literatura o feito de que o número de bitácoras en galego coincida co de obras publicadas neste idioma (preto de dúas mil) non se debe interpretar, penso, como un sinal de alarma dende o mundo da edición tradicional. Non é cousa de sacralizar o papel, que diría Jaureguizar, pero é que non creo que se poidan facer comparacións entre medios que de momento teñen unhas características e fins completamente diferentes. Como tamén se apunta no artigo, o emprego do blog como soporte literario só constitúe unha parte mínima dentro do xa raquítico mundo da blogosfera galega (de momento, espero), e se miramos para horizontes máis amplos decatámonos de que esta nova ferramente é máis importante como complemento á creación que como soporte da mesma. De momento, as bitácoras con máis visibilidade na rede relacionadas coa literatura son iniciativa de editores, escritores noveis, lectores, etc. Os escritores consagrados que "bloguean" o fan sobre todo para dinfundir a súa obra.

No hay comentarios: