jueves, abril 12, 2007

Vouvos contar un secreto...e un soño.

[Foto: Arume]
Teño que confesarvos que ás veces fago uso dos vosos espazos para insertar algunha deposición (que diría o meu amigo can sen dono) que por algún motivo non vexo moi acaída para este meu espazo. Foi o caso deste soño, que metín hai uns días nun comentario de contasoños, un blog que vos recomendo, e que veñen de publicar. A foto que nos achega Arume da súa viaxe a Viena tivo a culpa porque nada máis vela púxenme a escribir ao momento. Pos aí vai o soño.

Devecía por viaxar a Exipto e a oportunidade cheogou aínda que fose nun soño. Alí estaba eu no medio e medio do amarelo, do verde e do azul. Os ollos xa os tiña do color da arenisca e tódolos días a todas horas sentía o meu corazón tremendo coa mesma emoción que xa sentira cando puxen o pé no asfalto do aeroporto. Tiña moito que facer aquí e eran poucos os días, pero de todas as marabillas a máis importante para min, aínda sen saber o motivo, era baixar o Nilo nunha faluca coa súa enorme vela. O soño ata aquí parece unha experiencia pracenteira pero aínda que non o creades tratouse dun verdadeiro pesadelo porque malia os meus esforzos os días pasaban e non atopaba xeito de facer realidade o meu desexo. Cada mañá saía máis cedo do hotel co firme propósito de chegar a tempo de pillar unha praza pero en canto me achegaba ao peirao, enormes ringleiras de turistas facíanme desistir e aproveitar o día noutra actividade. E así un día e outro, e cada hora que pasaba a miña anguria crecía e xa non había momia, papiro, pirámide ou paisaxe que me quitase da cabeza o paseo en faluca. Chegou o último día e tiña que tomar unha determinación. Entón decidín camiñar ata o embarcadoiro máis próximo e durmir alí mesmo. Quedei durmida sentada nunha escaleira que se perdía na auga do Nilo e pouco a pouco o balbordo e os empurróns da xente fixéronme acordar de súpeto. Xa non vía a auga entre os milleiros de cabezas que corrían cara a faluca e entón decidín abrirme paso empurrando eu tamén ata que albisquei o que eu naquel intre pensaba que era a punta do velame da faluca. Cada centímetro que avanzaba aquel velame trocábase nunha forma misteriosa ata que cheguei ao derradeiro chanzo. As xentes entolecidas tirábanse á auga para chegar ata EL. A faluca non era tal. Era un enorme sarcófago flotante cun falo duns cincuenta metros de altura que atraía poderosamente a tódolos turistas que devecían por chegar a él como se lles fora a vida no asunto. Malia os empurróns e os berros quedei rezagada ollando o espectáculo e tratando de asimilar o significado da escea.

(Da foto o único que habería que mudar son as dimensións da "vela").


4 comentarios:

Ra dijo...

"Venga, Freud, a ver qué dices ahora..." ;)
Ana, deberia usted dejar caer secretos tan dignos de mención con más frecuencia. Buenisimo.
Bico

Anónimo dijo...

Manda CARALLO. O can.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Anabande, anabande
mora de la morería
el día que tú naciste
grandes señales había.

R.R. dijo...

¡Arrediós! Impresionante. Hoxe contáronme un dunha pantalla de televisión na entreperna e eu de espectador, pero comparado con isto é un conto infantil. Ese "secret-performer" vese que a ten inspirada.
Saúde (e, como di Ra, queremos máis).