A paixón pola escrita de Bohumil Hrabal fíxome chegar a Mónica Zgustova, a súa traductora, e a responsable en boa medida, do espallamento da cultura checa pola cara máis soleada do noso continente. Coa frescura das derradeiras verbas da novela aínda no padal corro a este recuncho para contarvos as deliciosas sensacións que xa esvaecen no pozo sin fondo da cruel desmemoria. Non daría feito se vos falase dos temas, personaxes, matices, paisaxes, exilios, localizacións, referencias literarias, musicais, artísticas, e moito menos se descendo a unha análise detallada dunha descripción de case un século de historia europea e a súa incidencia nuns personaxes riquísimos e cunha infinidade de perfiles psicolóxicos que nos levarían a escribir polo menos unha ducia de folios que ninguén lería. Pero coma este é un espazo de liberdade, pensándoo ben, vou facer unha vez máis o que me peta e vou falar abondo desta novela porque ben o merece.
Por comezar polos personaxes que seica son unha as cousas máis importantes nunha novela, comezarei falando de Sylva e Praga, dúas mulleres -¿ou dúas cidades?- que enchen as catrocentas e pico páxinas desta historia poética. Sylva é a muller silenciosa que nos conta a historia da súa vida primeiro como condesa Sylva von Wittenberg e logo cando se convertiu en Madame l´Ambassadrice, para pasar a ser sinxelamente a solitaria e exiliada Sylva dentro do súa Praga, primeiro ocupada polos nazis e logo tristemente engulida polo réxime soviético. Ao seu redor mundos que mudan de socato enviando ao exilio, a campos de concentración e a gulags aos teimudos que insisten en respetarse a si mesmos. Un mundo ao que ela vai tratando de adaptarse asinando documentos que lle prometen novas identidades nas que sobrevivir e que, pola contra, a enchen dun sentimento de culpa do que non se liberará ata a morte. Sylva, sempre obediente, trata de cumprir coas expectativas e normas das institucións socializadoras por excelencia, sobre todo a familia, para atoparse de contino co monstro dos totalitarismos que impoñen novos catecismos onde non caben referencias, onde hai que desfacerse absolutamente de todo o que teña que ver coa felicidade, a cultura, a beleza e de todo o que cheire a liberdade. Sylva asiste á desaparición dos seres queridos e vai quedando sola nun mundo de solitarios onde a vertixe dos cambios remataron por enaxenar completamente aos cidadáns. Con Sylva coñecemos as estreitas rúas de Malá Strana, acougamos na illla de Kampa, e asistimos a sucesivos cambios de réxime dende a fermosísima ponte de Carlos, ollando o estarrecedor espectáculo cos ollos das estatuas. Sylva lévanos ao fermoso Café Louvre e a eses outrora maxestosos recantos de Praga que a decadencia non tardaría en converter en parques temáticos para turistas que xa non saben nada de anexións, torturas e imposicións totalitarias. A narración ten unha fermosísima música de fondo, como non podía ser doutro xeito nestas latitudes nas que se crece entre as melodías de Schubert, as arabescas de Schumann, as polonesas de Chopin, as zarabandas de Bach e os fermosos cantos litúrgicos ortodoxos. Pero tamén teñen cabida outros mundos aparentemente lonxanos. Da man de Jan, o fillo exiliado nos Estados Unidos, asistimos a outras soidades que tentaron sobrevivir aferrándose ao desenvolvemento do mundo do progreso no que a ciencia e o capitalismo se mesturan para crear un modo de vida aparentemente feliz e frívolo no que todos son ben acollidos. Tería que falarvos tamén de Andrej, o amor de Sylva, un monumental personaxe que representa todo o sufrimento que marca a vida do heterodoxo, do que por manterse fiel á bondade humana é a diana perfecta da ignonimia de tódolos bandos. Tería que falarvos tamén de Petr, o poeta que quedou, no exilio interior, o que de mozo, cando era Monsieur de Beauvisage, engaiolaba por igual á nai e á filla, e que representa a dor que sufriron os que se quedaron e foron marxinados por tódolos rexímenes dun pensamento único que rexeitaba a súa poesía. Unha novela total que resume un século moi escuro no que se cometeron atrocidades que pariron xeracións cunha tristura conxénita e que a pouco que ollemos con atención albiscaremos nas súas xentes.
11 comentarios:
Ana, non lin aínda La mujer silenciosa, pero vin o jukebox con música para Sigrid e estou chorando coma unha nena pequena... Grazas, grazas, precisaba hoxe dun agasallo e este é dos máis fermosos que me fixeron. Bicos
A princesa está triste...estou por disfrazar de príncipe laranxa (Sigrid é unha princesa un pouco daltónica) e marchar para Santiago a bicar á fermosa Sigrid....¡arriba princesiña, vaime preparando ese tubiño do Ashcroft para quentar motores!
Pd. ¿pasa algo ca túa caixa de comentarios? metín por dúas veces a miña contribución a ese teu concurso teletenda e nada...non aparece...
Percorrer a literatura checa do xx é unha fermosa aventura de lector. Eu fun caendo dun libro dentro doutro e así me ía deixando levar de sorpresa en sorpresa. Unha desas interesantes marabillas foi para min 'El hombre de la navaja barbera', de Jaroslav Putik, que é tamén unha visión da historia recente dos checos a través da traxectoria dunha barbeiría. Mención especial merecen os 'semaforismos' que o barbeiro vai colgando da parede, e por enriba de todo eles, un, o número 41, que teño sempre presente: "Siempre se tiene suficiente valor para soportar las desgracias ajenas".
...pero Bohumil.
Despois de ler a crónica xa teño ganas de que o libro estea en camiño. ¿Poderá ser? Ai, canta envexa hai por aquí (falo de min mesmo, ollo)
Ahhhh tío pepín, vostede sempre dándome traballo...agora terei que ir correndo na procura desa nova alfaia para seguir degustando a marabillosa prosa checa. E se vostede é quen eu penso que é poderíamos comentalo tomando un café xa sabe onde ¿ou?
Pero Rurú, mire que é vostede omnílibro, pois agora o libro está prestado, pero xa lle fago unha reserva e llo envío xunto co que temos pendiente. ¡muac!
Vaia! Sinto decepcionala, mais asegúrolle que non son quen cre que son e, o peor, non vou saber onde poderiamos tomar ese café do que fala (aínda que podo imaxinar que se refire a ese 'Hipólito' no que xa me debe unha cervexa). De tódolos xeitos a cuestión da identidade é o de menos sempre e cando me permita seguir acudindo de cando en vez ó seu blog (non como fai o dono de 'aliciacrece', que xa me vedou a entrada como lector).
Espero que disfrute dos checos tanto coma eu o fixen e aínda fago ás veces.
Juá...¡que bueno!...pois de decepción nada de nada, e se ademáis lle debo unha cervexa pois que mellor que tomala seguida dun café no Hipólito, é verdade, lembro, é vostede o que sempre adivinaba aqueles pasatempos (bueno, deixando de lado ao mestre Apicultor, claro). Pois veña, se quere poña día e hora, eu no Hipólito estou decote de corpo presente. E por suposto que pode vir cando queira por aquí, eu nunca pensei que oso blós foran un espazo privado de ninguén, bueno, si, neste caso do p.guguel que hoxe mesmo no tivo sen cobertura todo o día, case. Moito me temo que toda esta histora un día desapareza...en fin. Vémonos cando diga tiopepín.
Comparto esa paixón por Bohumil, xa que logo, tomo nota, ... non sei que vai ser de min, non dou feito. De Bohumil aínda me quedan lecturas pendentes. Do resto que quero ler xa ni falemos. Este vicio ás veces provócame tensión.
Unha aperta.
Lin este libro en días pasados, a partir da túa recomendación. Só quería dicirche que me pareceu excelente.
Co teu permiso, enlazo o teu blog.Moitas grazas, Ana!
Xose,
Alégrome de terche servido de cicerone, grazas pola visita. Vou dar unha volta pola túa casa.
Publicar un comentario