Gústame M., a artificiosidade da súa ollada e a impostura da súa voz. Imaxino que son o eterno pitillo sen prender que baila entre os seus beizos innecesariamente maquillados e creo unha por unha todas as historias que roubou das súas frívolas lecturas. Adoro o movemento desacompasado do seu corpo logo dunha tarde de troula e a ambigüidade das súas chiscadelas pouco ensaiadas. Percorremos xuntos traxectorias curtas saboreando cada paso e sempre, sempre a deixo decantarse pola peor película da sesión de tarde. A miña man percorre lombos de libros que nunca lería mentres soan músicas que foron alternativas hai vinte anos. Disfruto da incoherencia do seu discurso e da seguridade na que esvara cada dúas frases. Non teño prisa por espila porque é deliciosamente imprevisible cando decide que o día remata e desorganiza a noite. Son un voyeur con certos dereitos que descoñezo completamente e trato de desaprender ao ritmo da súa respiración.
Imaxe: Pop erótico, Xaime Quessada, 1974.
3 comentarios:
Mais oui, madame! a mirada del faina real.
eles miran, nós seica tocamos....¿non era?
O incluso parece que cabalgamos porque otros ladran
Publicar un comentario