Frozen River comeza cun primeirísimo primeiro plano da faciana de Ray (Melissa Leo) rota por un choro insoportablemente silencioso. O orgullo empurra unhas bágoas que van tallando un rostro que cicais moito antes acubillara algún que outro sorriso. Ray ten a forza dun boxeador segundos antes do combate. A súa forza transmítenola Cortney Hunt perfectamente desdramatizada nese espello no que a ollamos loitando por poñer un pouco de rimmel para agochar unha vaga que ameaza con esnaquizala completamente. Unha historia de dúas mulleres nun territorio de fronteira, a reserva dos Mokauks, metáfora desalentadora, como o propio río xeado, que engade un plus de frialdade a unha historia de supervivencia da que nos podemos sentir víctimas e culpables. Ray sae da casa disposta a todo para sacar adiante aos seus, vémola loitar contra o xeo coa determinación dun ser imbuido dunha forza que só se pode comparar á que desprega a mesma natureza. O filme desprende dignidade a raudales grazas a un guión intelixente e de ritmo adecuado que nos amosa personaxes nada estereotipadas que debuxan uns matices moi realistas nas relacións humanas se caer nunca no sentimentalismo. Un filme que conta coa intelixencia e entrega do espectador que non precisa que lle expliques os diálogos e non quere aturar leccións sociais e políticas. E, ademáis, creo que por primeira vez en moitísimo tempo, estamos ante unha película de mulleres case na súa totalidade. Protagonistas, dirección, guión, fotografía, casting, música...e claro que se nota. A cámara de Courtney Hunt fálanos dun xeito moi familiar.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario