A pouco que se saiba de historia universal sabemos que o progreso e o desenvolvemento dos pobos, entendidos estes conceptos como a consecución de contextos que posibilitan a mellora das condicións de vida, non é ese artefacto motor que vai collendo velocidade nas autoestradas do tempo e que evolucionou dende a primixenia roda ata o ultramoderno MacLaren. Pensemos na apocalipse que supuxo a Idade Media. Dun día para outro esquecéronse milleiros de páxinas que foran escritas durante séculos e a nosa Europa mergullouse en guerras que duraban séculos e volveu vestir con farrapos tanto o seu raquítico corpo como a súa feble mente. Peor que un retroceso, a idade media foi un estado de letargo e abandono propiciado pola instalación da ideoloxía teocéntrica feudal que, como a máis negra das pestes, fíxose coa vontade dos homes, unha vez convencidos estes, pobres animalias, da súa culpabilidade. E como o pecado orixinal non había dios que o puxese a clareo máis valía deixarse levar polos suxeitos de suposto poder da época, non fose o demo que aínda despois de pasar tanta fame fosen arder no inferno que lles amosaban as espantosas imaxes dos seus templos (...). O medo. Velaí o elixir, a apócema que asegura o dominio dun individuo ou dun millón. O medio paraliza primeiro e ispe o ego dx máis afoutx. E de todos os medos, o máis productivo é o máis irracional. O medo a deus, e por ende aos que falan no seu nome. Administrado en pequenas doses, dende o nacemento, crea individuos anormalmente entregados a calquera causa, capaces mesmo de autosacrificárense. De entre todas as modalidades de historia que se practicaron ata hoxe, micro, macro, soci, eco, reli, racio, roman, [et. al.] faltaría a psico, e máis concretamente a historia do medo. Naomi Klein fixo un insuperable estudo para a idade contemporánea, ben documentada e realista ata o insoportable. O shock. Houbo grandes homes (aquí si) que foron quen de infundir enormes doses deste medo paralizante pero tamén houbo monicreques coma o da foto que acojonaron (c.p.) a toda unha nación durante medio século e deixaron ben sementado o solar patrio (sorry, pegóuseme a horrible expresión) destre froito maldito. Había medo a que morrese o vello, e medio século despois seica hai medo a desenterralo. Diso non se fala. O din ata os políticos máis atrevidos. O mesmo medo cutre que o medo a lavarse, que convertía o mefítico no máis puro arrecendo a rosas.
Este é un post experimental, un xeito de cadáver exquisito. Eu tiña esa foto impagable e cos tempos que corren pensei que non estaba mal facer un pouco de memoria....podedes seguir vós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario