jueves, abril 01, 2010

Unha historia que non vou contar, Cid Cabido

O título, “unha historia que non vou contar, xa nos pon en antecedentes do que pode suceder ou non. O certo é que hai unha historia, unha historia-personaxe, que é a reconstrucción do famoso crime de Alfageme no 1974, seguramente só unha escusa para contar a outra, a do intento de contar unha historia. A chiscadela de CC paréceme moi interesante, por certo. O libro é certo que “engancha”. Sei dun lector non precisamente compulsivo que a papou en tres horas nun lapso de insomnio. E o que engancha non sei eu se é tanto a historia do crime sen resolver do Alfarem ou a deste indolente CC que non é quen de deixar a troula para illarse a traballar. Como tiven a sorte de albiscar unha noite a CC entre as sombras e os risos da madrugada, logo de decidir, non sen certa dificultade a que caparuza dirixirme, podo entender perfectamente a este noso Salinger local. Eu tamén atopo máis divertido e emocionante tratar de soster o gintónic mentres converso de calquera tema transcendental con “quen será este” nunha barra de bar, que enfrontarme ás interminables pantallas en branco. Aínda se fose aquel folio na olivetti, aquilo era maís humano joder, podías entreterte imaxinando o tempo que tardarías en encher a papeleira ou mesmo descobrir formas animais naquelas bolas de papeis enrugados que se atragoaban cun mísero sintagma nominal a medio parir. E como di o CC ¡xa perdín o fío! ¿tendes o meu fío? ¿quen hostias me fodeu o puto fío? Hai que hostia, xa só me veñen á cabeza as metáforas máis porcallentas do puto cidcabido, a cona aquela con dentes, o tabeirón do carallo e os putos tirantes de Borges. É curioso, cando remato un libro quédame así como pegado o estilo, a min sempre me pasa. Ou neste caso a deliberada falta de estilo de CC. E claro, véñenche á cabeza as súas historias e vánseche as outras, aquelas que che fixeron prender o pc (agora un MacbookPro) a todahostia. Por exemplo, onte lin a Virxe dos Sicarios de Fernando Vallejo e esta mañá no choio non fun quen de contestar un correo sen meter unha “pavada” calquera deses pinches colombianos. ¿atopou alguén o puto fío? Velo aquí está. Pois o que dicía, que efectivamente CC, non contaches nada e contaches moito. O relato, como recoñecemos todos os que tivemos a sorte de coñecer o Manteca, o Tony´s ou o Catro, enos tan familiar, as conversas e os xeitos de falar tan de noso, que non saberiamos discernir o que é literatura ou non o é. Así que ¡que hostias! CC, a crítica que a fagan outros. Eu digo que non sei se esta e a GNG pero dende logo que ata agora é a GNV. Iso si, que non se tiren da moto uns dun bló que anda por aí comparándote con Truman Capote. Que non digo que mellor ou peor pero aquí non hai nada daquel minucioso detallismo na desrición de paisaxes, por exemplo. E bótase de menos CC. Sobre todo para os teus lectores non vigueses, que tamén os tes home. Terías que terte esforzado un pouquiño mais na descripción deses tugurios vigueses totalmente orixinais, imperdoable que despaches o Tony´s nun par de frases que só falan de escaleiras empinadas. E, por outra parte, tampouco hai suspense, para nada. Non procuraches suspense ¿ou si? Eu se algún suspense atopei foi por saber se serías quen de rematar o puto libro, pero claro, téndoo nás mans non había máis que pousar o pitillo ir de cando en vez á paxina 267. Agora toca agardar a continuación, porque isto ten que continuar. Por certo ¿como rematou o segui a historia esa con Paula e Rebeca? A propósito, teño que mercar dous libros, un para Rebeca e outro para Paula, súa irmá e miñas preciosas sobriñas. E agora que o penso ¿non serían elas...? Vou facer unha chamada....

No hay comentarios: