Esta maldita veu para quedarse, vese que está a gustiño deitada bilateralmente a carón do acetábulo. Ao comezo fixen coma que non a vía, pasaba de largo. Eu. Erguía a cabeza e seguía pa´delante toda chula, coma se alguén moi importante me agardase a poucos metros. Ata facía que me falaban polo móbil ou de socato saudaba ao vento con tal de facela sentir incómoda. Nada. Cuspille, zosqueille, deixábaa ao seu aire e en canto se durmía ciscáballe por riba un balde de auga xeada para amolala. Nin se inmutou. Non dixo ren. Latente. Si. Sentía o latexo no seu curruncho e noutras contornas afastadas do seu solar recén expropiado. Din que hai que afacerse a este novo contexto. Aprender a convivir cuns veciños incómodos que te espertan a golpe de taladro de madrugada debe ser algo semellante. E se aínda ameazan con traer a todos os seus parentes e amigos prepárate a conciencia. Vai artellando un manual de uso dunha rutina distinta e incómoda que che fará sentir pésimo, como diría Martín Romaña. Terei que facerlle un sitio e poñer boa cara. Manda truco, andar disimulando a estas alturas. Pilloume desprevenida, facendo que facía, pero se pensa que vou quedar de brazos cruzados ollándoa con carraxe trabúcase. Estarei amoreando verbas indoloras ao redor do arrecendo do incondicional. Ese non doe nunca.
¿sabedes que cousa cousiña é a que aparece na foto?
No hay comentarios:
Publicar un comentario