imiaxe |
1991 foi, seguramente, o comezo da era do desconcerto permanente e postmoderno no que vivimos hoxendía. Aquel ano-palídromo inaugurou unha época no que todo pode lerse de dereita a esquerda, do dereito e do revés. Derrubáronse muros que semellaban infranqueables para erguerse as arañeiras nas que todos comemos e somos comidos nunha espiral diabólica na que a procura de certezas é unha batalla que sabemos perdida de antemán. Tratar de comprender, malia todo, é a única forma de supervivencia. Saul "Doc" Karoo representa ao home e muller perfectamente postmodernos, perfectamente perdidos. Entender o comportamento de Karoo faise difícil, penoso, humillante porque supón recoñecérmonos tan absolutamente vulgares coma él. Karoo, segundo as críticas que leo é un personaxe desprezábel, pero eu rinlle as grazas. Desacóugame telo feito, telo malinterpretado. Fun cómplice súa polo menos ata a metade do relato, e logo, por coherencia lectora tiven que afrontar con él a falta de redención. Involucrarse no relato deste xeito, malia todo, non é culpa miña, é a xenialidade do autor a que me fixo unha chiscadela inevitábel. Non se sae desta lectura coas mans limpas e coa conciencia tranquila. Convídovos a ler e a intercambiar culpas e rétovos a unha crítica severa. Eu rematei a lectura cunhas ganas tolas de meterme na ducha así que vouno facer agora e cando salga e colla folgos verei de facer algunhas anotacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario