Acordo debruzada, a carón da ausencia, co zunido da noite asolagando o meu insomnio. Pel queimada por verbas que estouran antes de desintegrarse definitivamente, afogadas na choiva para fermentar no lidro que cobre toda a cidade. Alguén aínda se anica para turrar dun farrapo. Sacrificio. Desolación. Da cidade lixo foxe a desesperación pola mesma corredoira, todos enchoupándose nun chan lamacento que agocha renuncias que arrecendían a gloria.
Gris metalizado, sen brillo, frío, ignífugo e rexo por favor, invulnerable e anódino, si, por suposto, inmarcescible, claro, e totalmente autónomo, non, o peso non importa, nin que sexa de última xeración, só procuro unha boa resistencia, non, tampouco me importa a capacidade de aceleración, xa, entendo, que non se fabrican, e ¿non o poden montar vostedes con pezas de refugallo?, veña logo, xa me avisarán cando este listo, xa sei que non hai garantía, precisamente é o que non preciso, garantía.
A pasada noite de insomnio adiqueime a revisar os case trescentos post que teño en modo rascunho, textos e reflexións que por diversas razóns quedaron no purgatorio do bló agardando o xuizo de Osiris que os guindará ben seguro ao lixo virtual onde estes ceros e uns volverán ao magma primixenio da nada ou do cabreo que os xerou. Moitos destes textos foron máis que escritos cuspidos directamente sobre textos, declaracións, feitos e situacións anormalmente anómalas, ridículas e casposas. Nunca quixen amolar ou darlle a este espazo cabida, nen sequera para contradecilos, aos simples e mediocres, que inundan os medios convencionais, para darlle máis voz aos que non paran de dar a murga. Ese presidente de Deputación que ten mercado a vontade de toda a súa parroquia, eses Consellos de Guardiáns (si, nós tamén o temos) que agocha pederastas, defende píos latrocinios, sempre tan relixiosamente correcto na relación de xénero, etc. A maioría son post que trataban de contrarrestar esas pequenas miserias que semellan inocuas, pero que van crecendo ata convertirse neses tópicos que matan ante a ollada revirada e ebria dos que siguen a xuntar verbas para o xornal do mesmo xeito que o domingo xuntan as fichas de dominó. E siguen, e siguen....
Ahhhh...o pasatempo adhoc viña a ser unha recompilación de fraseciñas célebres desas que oimos tódolos días...a ver...a min é que non se me vai da cabeza esta que me dixeron hai días:
"convosco as progresistas hai que ter moito coidado"...(máis nos comentarios)
Ligo aquí este clarificador documento sobre o conflicto iraní que rescato das importantísimas achegas que a nosa amiga M.S. está e compartir en facebook.
e se vexo a escea cincocentas veces, cincocentas veces que me parto de risa
O coche 112 Talgo Madrid-Vigo arrecendía a Calvin Klein ¿ou era Giorgio Armani?. E só hai unha cousa que me amole máis que o cheiro expresamente fabricado pour homme, que son os seus respectivos spots publicitarios. Recoñezo que tanto pola desespereación de non atopar un mínimo parecido coa realidade nos productos máis tradicionais do xénero, como pola insoportable frivolidade coa que tratan as cuestións máis serias. Non é de estrañar pois que como resultado deste particular xeito de sacar brillo á miseria abrollen coma fungos tanto Borjamari, Josemi, Nacho e Rodrigo Alejandro coma os que onte estragaron o que podería ser unha deliciosa tarde de viaxe en tren. O Alan Bennett que levei para a ocasión non me deixou atravesar o primeiro parágrafo, porque ¿quen pode sustraerse as gargalladas guturais de catro patillas a tiraliñas e aos silabantes comentarios de catro estudantes de primeiro de mediciña (San Pablo Ceu mediante e talonario de papá médico como absoluta garantía de supermegamediadelamuerte) por medio?. Acordeime das Saskias, Sonias e Vanessas tan deliciosamente rescatadas por Julio. Nin paisaxe nin hostias (con perdón). Se tes a mala sorte de ter que compartir espazo con estes sabotadores do teu lecer non che queda outra que aguantar, lembrando aqueles bos tempos nos que botabas o pitillo non pasillo escapando da monxa que rezaba o rosario completo e en voz alta no teu departamento ou aínda podías colarte no vagón de primeira escapando do revisor. Pero o peor, pensei para min, será o día que lle teña que ver o careto a un destes mocosos xusto cando a anestesia comece a facer efecto. Por San Pablo e por San Ceu que estes anormais abandonen a carreira e se vivan de rendas toda a súa vida.
Gustazo velos tirados polos corredores, estomballados na herba, entre risos nerviosos dándolle o derradeiro repaso aos apuntes e sentíndose xa case universitarios ¡Sorte a todxs, e bicazo para A.!
Belgrano (Bos Aires), Miami, Madrid, Os irmáns Quintelos, Aurora, Manuel Eiras e Andrés Leiro, tres relatos de emigración que tecen un pano triste, escuro e esgazado polos furados da violencia, a dor e a miseria que é a marca da casa da nosa emigración. Custa ter que recoñecérmonos neses traballadores avarentos, aforradores, Luís, Dosinda e Antón, os gallegos, os irmáns Quintelo, xente con cartos, pero que aproveitaba a roupa ata o miolo, sempre coa leira ás costas, eles mesmos cultivaban nun terreo que tiñan nunha quinta o barrio de Alte Brown, xentes que xamais foran de vacacións a ningures, nin sequera ao veciño Parque Nacional do Tamá. Velaí a miseria. Lembroume moito a desolación que sentín cando visitei o Centro Galego de Newark hai uns dez anos ao comprobar o absoluto illamento destes galegos que malia vivir a media hora de Central Park no puxeran un pe na grande mazá na súa vida. Vivindo en Newark estaban tan lonxe de Nova Iorke como calquera galego de Betanzos ou Entrimo. Galegos que só saían puntualmente da casa de Primeira Xunta...para ir á igrexa, os domingos, escoitar a homilía de Alexandre Gwerder...galegos vellos que tiñan os cartos acochados nos zapatos, botes de cociña, en libros vellos e ata no cortello, galegos sen expedientes médicos, e herba luisa. Andrés Leiro e Manuel Eiras, galegos en Madrid, enfermos de morriña, non o podo evitar, dixo. Cada vez qeu vexo unha matrícula, ou, sentado nun banco do parque, escoito unha conversa, e Aurora, galega en Miami, unfa fuxida inútil dun mundo rural enchoupado nunha violencia cruelmente cotiá contra nenas e mulleres que hoxe chamariamos estructural, escuros tempos de silencio e brutalidade que convidan a alonxarse de tópicos e pantasmas que como moito só servirían para argallar tremendismos literarios insospeitadamente persistentes. Unha boa novela que me deixou con mal corpo, a insoportable levidade do ser galego....xa me entendedes!
Inesquecible viaxe pola India da man de Vikas e Suhkdev. Outros ritmos, outras cadencias nun diálogo contino entre sorrisos, ollos negros, cordas e percusións nunha compenetradísima conversa musical e unha xenerosa clase de improvisación musical. Coa achega flamenca de Cuchús Pimentel quedan ben claras as orixes comúns de moitas músicas. Preciosa noite musical en boa compañía.
Teño frío mylove, e esa pantalla cuspindo mensaxes anónimas asústame. Dende que marchaches está así, día e noite, agardando respostas que fuxiron contigo ben lonxe. Teño moito frío, M., preciso o lume do teu corpo. As lembranzas xa só son sombras macabras que enchen as miñas fendas, pedras de xeo que crebarán a miña pel. Malia todo agardo outra noite, disimularei a miña sorpresa e bicarei as túas costas ata que esquezas absolutamente todo....
Arrastraba o corpo con moita dificutade, a golpe de pequenas zancadas de torpeza. Seu ritmo persistente cimbreaba con trote inseguro. Fuxiu cara adiante sen consciencia de facelo, impresa no iris a memoria daquela habitación. 2046. 204.20.2.0. Atrás quedaban os neóns acesos, o repenique da chuvia sobre a branca e fría luz daquela farola. Recia e altiva contemplaba as sombras dos pasos noite tras noite. Apenas si foi advertida a súa presencia polos insomnes ollos ca procuraban. O corpo simulaba non querer obedecerlle. Nin a enfermidade nin o olvido ían ser quen de conxelar as ardencia de metamorfosis. Facendo honores de nobreza no silencio contraía a súa única vida sen permitirlle escape.Mocasins estigmatizados pola terra baixo augas nocturnas de grave contínuo. Luces e humidades fusionadas por momentos na memoria xusto antes de desvanecerse. Memoria perdida. Amores agochados. Odiados. Abertos en canal. Esencias de Yutang. Renacer soñado dos mares que por ti brotaron. Sutil anhelo de seguir sufrindo. Tal vez a chuvia que agora cae como un río coñeza o segredo que agocha a montaña.
Texto: A. e Anónimo. Imaxe: Fotografía de María Jesús Fariña.
11:35 Anónimo Tempos de destempos. Asincronía de tempos cruzados nun espazo común que xa non pertence a ninguén 11:35 Anónimo Loita de espazos ao relentí. Milladoiro de sensacións 11:37 Anónimo Acaso esqueciches algo? Culpa e esquecemento 11:38 Anónimo Negación da culpa e do esquecemento. 11:38 Anónimo Asentemento e razón 11:39Anónimo Non deben as cancelas da razón pechar os desexos do descoñecido ou novedoso.Ruptura de compaña. Dúbida. Quizais non houbo nunca tal 11:40 Anónimo Sen lazos, pero ben atados, sen presión pero con dereito 11:40 Anónimo Concentración forzosa nun mundo de parcelas propias 11:41 Anónimo Salto ao baleiro sen rede.Torpe fuxir do seu 11:42 Anónimo Erro asistido, frustración ou inxección de risco 11:43 Anónimo Emoción.Incomprensión e banal quietude. Inseguridade de deixar facer, seguridade de ter que deixalo.
Música: Lemminkainen in Tuonela, Part.1, Sibelius. CLIC
Texto: Anónimo do post anterior Foto: María Jesús Fariña
Encantado de coñecerte en persoa, vaia, Miriño, que Curioso e Impertinente,que gustazo vérmonos, teño pendiente entregarche un premio, si o disco de Abuña Jazz, bico neno, ola Montserrat, ten graza a cousa, levabamos unha chea de tempo coincidindo por aí, eu xa dicía, pero ¿porque cada vez que me paro con M., o meu home saúda sempre á sua compañeira?, e Alma por medio, voute correr a gorrazos, e vas pagar as copas toda a noite, vale, ok, pero B.home, para iso cho presentei, para que lle critiques a obra, ti tamén, e no medio e medio Paz, a súa man, a súa ollada, o seu corpo miudo que se derrubou ao sentir o seu nome, que mal me atopo, unha neumonía mal curada, o peor é que non vou poder ir de troula canda vos, si, que experiencia, alucinante, pero non te esquezas, LdC. defendina eu a primeira, pero ti como viñeches sen invitación, quiteilla a un velliño que a pousara nun muro, non, non creo que se lle poida perdoar tanto erro, a historia pode ser boa, pero hai que coidar a forma tamén, ¡temos gañadora!, é Rosa Aneiros, ¿Rosa Aneiros?, vaia temos que facer dúas chamadas, Rosa.. sorriso eterno, son Amanda, mira, encantoume a túa historia, e no medio e medio a forza da man de Paz que tenta procurarte, ¿que fago eu aqui?,porque as palabras, non o esquezamos nunca, conteñen na súa cerna a forza necesaria para cambiar a vida e para cambiar o mundo, vaia non sabía que ía vir o Conselleiro Natxo Vidal acompañado de Rocco Siffredi, a profaaproveita a viaxe para facer uns cantos seareiros maís da flamante Orquestra Panorama, vooooooolareeeee, oh, oh, can-ta-re, ¿e non saben quen puido escribir iso?, non, non, pero non pararei ata dar con el/ela, Luliñapensou en Germán Sierra, pero non, confirmado, LdC vai dar moito que falar, seguro....
P.D. (1) Saímos a botar un pitillo? si, veña, e de camiño apareceu Tati, por fin, Tati, por fin nos falamos, e menuda a que "liaches", Festiña Quente mais eu abraiados perante esa mestría túa, na próxima ímola liar entón un pouco mellor!
P.D. (2) A B. non lle gostan moito os piropos, mágoa, porque ten uns ollos incribles.
P.D. (3) Xa se vai desvelando o misterio de Limiar de Conciencia.........
¿onde estás M.? ¿quen remexe nas nosas cousas e guinda ao lixo os teus discos? ¿por que cheiras a visitas? O eco dun colgadoiro baleiro e certo arrecendo que gardei da tua suavísima pel enchen a oscuridade tras o fecho co que te despides....
Cantas ausencia e silencios encherán esta espera mylove, terei que amorear faragullas da brevidades, redebuxar contornas, enfatizar baleiros e pechar os ollos ata o seguinte ruxe ruxe desa fechadura que estragaches na fuxida. Tiña que terme quedado coas túas rutinas, mais eran tantos os deliciosos momentos nos que te me amosabas deliciosamente espida e apaixoada, noites de vertixe e insomnio, por exemplo, cando de socato guindabas os libros e te me achegabas para escribirme, ou para poñer puntos suspendidos no teu, no meu corpo ata que caías de sono e esvarabas ata que soaba o móbil, ou cando te adobiabas fronte a min e te disfrutabas coma se foses dous corpos, me suplicabas liñas imaxinarias e me marcabas coa humidade da túa man. Eu notaba algúnha sombra xa daquela, ese disimulado ollar cara o persistencia do desacordo que seica te levou a fuxir. Eu que me ía fixar niso, tiña que termar de min para non estourar en mil corpos cando te sostiña en pe.
Ás veces pregúntome se as causas estructurais do noso subdesenvolvemento non serán moito máis simples que moitas das conclusións que tiramos dunha combinación sempre demasiado teórica das estatísticas e o método científico. Se o tempo é o principal factor de producción, tanto no pre como nos post capitalismos -a ver quen se atreve a poñelo en dúbida- a pouco que ollemos con certo interese ao noso redor e apliquemos o indicador máis común de productividade -poñamos por caso o precio da hora de traballo dun mileurista, sexamos optimistas- está ben claro que ibéricos en xeral e galegos moi particularmente, temos unha morea de tempo que perder gratuitamente. Velaí pode estar a cerna da insoportable levidade de tanta e tanta liña cara abaixo como amosan memorias, informes e gráficas máis ou menos adulteradas polo tu(r)nante partido no poder. Esoutro día cando baixaba por tabaco -síntoo polos non ou/é ex fumadores, tantas experiencias que se perden, diso falarei próximamente- atopei a A., un profesor que leva anos impartindo docencia nos USA e comezamos unha conversa moi animada e interesante. De socato, e respetando o modus operandi da poboación aborixen nos bares de barrio na derradeira hora, o intruso e as súas cervexas invadiron a nosa conversa coa súa enferruxada verborrea, máis estragada aínda pola persistente couza dos tópicos que polo alcol que acendía o seu discurso. Logo duns minutos, A. ergueu o seu enorme brazo imitando ese aceno co que o árbitro sinala o tiro indirecto para poñerlle fin á situación, cunha educación, contundencia e eficacia que me valeron moito máis que cincocentas páxinas de calquer manual de management, planning, staffing, leading, controlling ou organization.
Durmiches completamente vestida e con esa maldita canción petando contra as túas tempas e érgueste tan de socato que me asusto. Vés onda min cunha ollada nova, que non coñezo, pero que temía dende hai tempo, e co puño da túa enrugada camisa límpasme a cara para borrar as pegadas das despedidas dos derradeiros días. Malia todo este carmín con que me enzoufas intúo perfectamente a decidida violencia dos teus movementos, mais apenas te recoñezo xa, sobre todo eses novos afeites que me fan trousar, e esas roupas que recuperas dun armario que tiñas agochado baixo unas preciosas sedas de Benarés. Vés cara min, agardo que me limpes a cara, que me deixes verte. Teño a esperanza de que este sexa o meu pesadelo, o eterno retorno dos centos de imaxes que tiven que soportar cicais noutros tempos. ¿onde estás M.? ¿quen remexe nas nosas cousas e guinda ao lixo os teus discos? ¿por que cheiras a visitas? O eco dun colgadoiro baleiro e certo arrecendo que gardei da tua suavísima pel enchen a oscuridade tras o fecho co que te despides....
IGNACIO MARTÍNEZ DE PISÓN: ENTREVISTA
-
"ESCRIBO DESDE EL FONDO DE UN RINCÓN OSCURO DEL CORAZÓN"El Premio de las
Letras Aragonesas de 2011, guionista de la película ‘Chico y
Rita’, ca...
Huelga General
-
El presidente del gobierno, Mariano Rajoy, nos ha convocado a una huelga general. Se lo anunció en primicia al primer ministro finlandés ayer en un corrillo ...
AHORA Y SIEMPRE
-
Pienso en ayer, cuando a las nueve de la noche caminaba descalza por
Central Park contemplando luciérnagas, mientras Duke y Dexter se deslizaban
por el tob...
Cousas que inevitablemente se erosionan
-
Con todos os respectos para o por tantos conceptos ilustre corpo de
galenos, é unha cousa que chama a atención o pouco coidado que conceden os
médicos á ca...
Louvre y Guggenheim de Abu Dabi
-
La construcción de los museos se retrasa varios años. Vía Arte Selección:
“La Sociedad Estatal de Inversiones para el Desarrollo del Turismo de Abu
Dabi (T...
Hijos (4)
-
Lo bueno de no ser crítica de cine es que puedes decir lo que te dé
absolutamente la gana sobre una película, ser incoherente, no referirse a
técnicas ni a...
O que diga don Manuel
-
Levamos anos agardando un cambio de ciclo: para uns foi o cambio de século, para outros o cambio de moneda, para outros o bipartito. Pero haberá un antes ou ...
FINE
-
O quinto aniversario é unha boa e bonita excusa para despedirme. A lúa
brilante de xaneiro acompaña estas breves palabras. *Arume dos Piñeiros*comezou cun...
arañeira
-
Un doce dousmildoce arranca, cunha rede cargada de todo o que vai pechando,
desmantelando e privatizando no mundo real. Todos a velas vir. Como unha
araña ...
Parisian Drawings
-
I am invited to an artist residency for two months in paris (september and
october).
i am posting on flickr most of the work (notebooks, paintings, etc.) ...