viernes, octubre 08, 2010

au revoir professeur!

Vou contar unha historia real sen permiso dos que a sofriron. Pode que teña algún pequeno disgusto por facelo pero se chega o momento prometo apandar co que me toque. En calquer caso, evitarei nomes de persoas e lugares concretos. Hai uns días, na lista de correo dunha universidade, que, todo hai que dicilo, hai anos que ven sendo só un altofalante do máis mediocre tirando á baixa desa institución, aparecía a mensaxe de despedida dun docente por xubilación. Xa se me fixo chirriante o ton de alguén que se despide a si mesmo e loubando a súa carreira coa épica máis rancia dun antigo réxime que se resiste a desaparecer camuflado como anda entre disfraces nacionalistas de toda pelaxe e condición. Facía o home un percorrido pola súa vida profesional destacando aqueles centros que tiveran a sorte de contar co seu maxisterio. O nome do narciso rebulíame na cabeza e víñanme á memoria certas anécdotas que hai anos, cando estudantes, intercambiabamos sobre o maltrato ao que nos someteran os profes cando mozos. Lembrei o horror e incredulidade que sentira cando alguén contou as destrezas dun mestre que, alá pola zona de Monforte, facía marabillas coa goma do butano. Pero sen dúbida, a anéctoda que máis me impresionara daquela sobremesa do piso de Santiago fora a dun profesor cuxa crueldade era especialmente arrepiante. Seica este home tiña entre outros hábitos levar a súa escopeta de caza á clase para limpala ben a conciencia mentres os alumnos facían as copias de rigor. Cando remataba cos labores de mantemento da súa arma, a montaba coidadosamente e apuntaba aos rapaces con ela. Seica era unha broma que algún non vía de moi bo gusto. Volvín ler o correo electrónico e fixeime no nome do profesor. Polo que falaba de si mesmo, era unha autoridade destacada no campo da psicopedagoxía. Sentín coma se me pateasen o estómago. Metín o seu nome no google e atopei un feixe de artigos que falaban de fracaso escolar, de ética na ensinanza e de mil andrómenas máis desas que todos coñecemos. Apaguei o ordenador e metinme na ducha. Esa noite convidárannos a cear uns amigos moi queridos e só quería pensar se era mellor levar un bo viño ou un postre apetitoso. Chegamos a casa de M. e da súa parella e aos poucos minutos de facer as obrigadas presentacións todos tiñamos cousas que dicir, era como se fosemos amigos de toda a vida cando en realidade a relación máis antiga era a que eu mantiña con M. que se remontaba a un ano escaso. A casualidade quixo que as nosas parellas se xuntasen logo de case trinta anos para lembrar antigas anécdotas dun colexio de curas no que estudaran e aí foi cando volvín oir falar das falcatruadas do profesor. Xa non tiña moitas dúbidas da depravación do elemento en cuestión. O mozo de M. ante a miña incredulidade enriquecía o relato con vivencias persoais das que, segundo el mesmo aínda tiña pegadas no seu carácter. Tiña estado interno durante unha década e tivera tempo de aturar todo tipo de excesos por parte do profesor. Coñecía ben o seu modus operandi e ademais non estaba só. Contaba coa bendición e a colaboración do estamento eclesiástico. Seica aínda está en activo. Non, veño de ler unha mensaxe súa na que se despide da docencia. Bueno, o dano está feito. Este home tería deformado e abusado dun bo número de xeracións de mozos e...¿ninguén lembraba nada? ¿na universidade correron un velo tan tupido como para facelo catedrático? podiamos plantexarnos centos de cuestións tan sinxelas como esa pero as respostas son tan repugnantes que case é mellor facer que se esqueceu todo...cala, cala, que e aínda haberá quen che dea caña por manchar a memoria dun eminente profesor, como se os milleiros de rapaces aos que apuntou coa escopeta non fosen nada...
Fotos cedidas amablemente pola amiga M.B.C. que foron coidadosamente gardadas polo mestre dun colexio de Beade. O Museo Pedagóxico de Galiza ¿gardará todos estes documentos? pregunto....

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Sen palabras...sobre todo pq penso que me toca de cerca tanto en profesión como en provincia, o sentimento é de impotencia e de noxenta vergoña allea...Grazas Ana, por axudar a non perder a memoria, por abrir as fiestras e que poda entrar ar fresco. Sonia

Ana Bande dijo...

saúdos Sonia! gracias a ti pola visita.

Lula Fortune dijo...

Il faut oser dire n'importe qua... Bicos.

paideleo dijo...

Paréceme incrible.
Nin na mili nos deixaban apuntar cunha vasoura.
Que castigo pode merecer ese homiño ?.