lunes, julio 16, 2007

O bosque dos raposos aforcados de Arto Paasilinna


(Foto: Rinoceronte)


O bosque dos raposos aforcados, unha lectura que nunca debera ser adiada, como todas as publicacións de Rinoceronte. O amigoR.R. xa no la recomendaba hai tempo cando nos ofrecía aquela suculenta crítica que nos facía devecer polo libro. E agora que veño de rematar esta lectura podo dicir que tiña toda a razón. O bosque dos raposos aforcados preséntanos uns personaxes miserables que xa coñecemos abondo na literatura e na realidade que conforman unha rede de corrupción (tan de moda por outra parte) certamente ridícula e absurda.
Blog Rinoceronte
Entrevista a Arto Paasilinna en El País.



3 comentarios:

Quelleiro dijo...

Pois opino que os raposos somos nós. Velaí a mensaxe deste Paasilinna, que dende a súa inxel ironía arrostra unha fonda amargura. Non somos uns raposos calesquera, somos uns raposos aforcados, como agocha a vergoñante traducción castelán. Oiva, Remes, as putas, a vella, son as únicas persoas da historia, as únicas con ánimo para se enfrentar, para responder á vida que lles tocou en sorte. A resposta é a fuxida; son personaxes, neste senso, antikafkianos. Se o máis desacougante de Samsa ou de Joseph K é ver como non cuestionan ó que lles pasa e asumen ó seu papel nun mundo atolecido, en Paasilinna reaccionan e marchan: fuxen de compinches, do exército, do asilo. Mestura de libertarios e covardes, Paasilinna respéctaos e preséntaos coma persoas ceibes, que viven, beben, fuman herba, cunha asumible felicidade e despreocupación. Coma persoas que toman partido na súa vida, e son capaces de poñer en retirada á unha brigada do exército, percorrer decenas de kilómetros pola neve, ou levar unha bañeira esmaltada ó medio do bosque. Pola contra, están os aparvados, os pailarocos, os parvos medoñentos, os membros desta sociedade mol que se deixa roubar lingotes de ouro dun xeito cutre dabondo, que deixa escapar a unha vella de noventa anos e que cae unha e outra vez nas trampas para raposos. Velaí á mensaxe da novela. O aviso dicía: "se és persoa" ten coidado para non caer na trampa. ¿Se es persoa? Pero a xente caía, porque non son persoas. Cincocentos é a metáfora, o raposo que se comporta coma un ser humano,mesmo roubando cartos, para rematar facéndolle -el mesmo- o funeral ó gato da vella, mentres que as persoas naquel mesmo intre soterran á dona. Secomasí, e así remata o libro, no bosque dos raposos aforcados non hai ningún raposo aforcado; só hai xente, personaxes de Kafka que non se deron por concernidos ó leren a peculiar advertencia, raposos en definitiva. Proporei, agora que ninguén escoita, esta adiviña: ¿se non foras persoa, qué che gustaría ser? Se lle fixeramos á pregunta ó noso Oiva Juntunen, penso que respondería: "Vaia parvada, se non fóra persoa, desexaría ser... "¡persoa!". ¿Cánta xente diría o mesmo?

Anónimo dijo...

Poderías facerme un resumo do libro? Porfavor

Anónimo dijo...

COmo se ve representado o tema da guerra no libro?