lunes, octubre 13, 2008

Aqueles marabillosos anos... e meme...

Cando chegamos xa nos agardaban famentos o resto dos convidados. Non tiña moi claro se debía acudir a unha invitación onde só coñecía as siglas ou alcumes dos que a cotío debatían intensa e profundamente nun bló no que se falaba de política. Tampouco fun quen de rexeitar a invitación de Jacques De La Pièrre cando se identificou como Xaime. Malia non o coñecer persoalmente, a revelación de seu verdadeiro nome mudou radicalmente o contexto e puxémonos a laretar por teléfono coma se fósemos vellos amigos. Os que participamos nestes debates virtuais temos un curioso e atrapallado sentido do pudor se analizamos polo miúdo o noso xeito de identificármonos . O caso é que alí aparecimos A., con esa bendita e paciente desconfianza que o leva a seguir as miñas arroutadas, e eu. Fixéronse as presentacións que correspondían e nunha ollada prexuizosa quixen confirmar as miñas sospeitas. Alí estaban o consello de sabios que destripaban o mundo coa liberdade que da o coñecemento. Mais non foi tal. Quero dicir que non eran vellos. Non podían selo porque na primeira conversa xa fixen a descuberta do día. Ola, ti és Ana Bande, son, pois eu coñezo outra Ana Bande, ¡que curioso!, si, xa sei, ás veces alguén nos confunde e déixanme comentarios trabucados no meu bló, e ¿de donde vés sendo?, pois eu son de Ourense. Neste intre, aqueles ollos grandes xa semellaban facerme chiscadelas e aturdíame un pouco o repentino bater dunhas vellas neuronas contra un mundo novo que ocupaba nada menos que ¡trinta e cinco anos!. Xa os meus ollos tiñan espido completamente a imaxe que eu conservaba de Julio e xa estaba vendo ao rapaz de nove anos que corría para mallar en min á saída do colexio (esto ten a súa explicación pero ímolo deixar aqui). Notei que os ollos de Julio tamén se mareaban un pouco pola violencia deste jet stream que o levaba cara súa infancia. E logo viñeron as emocións, eu lembro como poñías o teu nome no caderno "Ana Maria Bande Bande", dixo Julio, imitando a unha cativa presumindo de boa letra, e eu lembro o listo que eras, non ti eras a máis lista da clase, non éralo ti...bla...bla...bla...e ao noso carón íanse tamén emparellando outros convidados, uns que tamén estudaran no mesmo colexio, outros que coincidiran nos veráns cando as praias do Grove eran o paradiso dos franceses. O mundo, que pequeno e marabilloso pode ser.
A foto. Wally non está pero si que estamos San José e a Virxe María ¿non si J.M.? O primeiro que atope á santa parella terá as copas pagas...coma sempre, no Hipólito que como sei que non ides vir me sae de balde...je...je...e ¡a propósito! ¿non teredes tamén vos unha foto coma esta de canto cativos na escola? ¡veña! ¡a remexer nos caixóns Arume, Rubén, Medela, Marcos, XanDaCova, Lourixe, Lula, Apicultor, Xaime....!

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Tanta pedagoxía e mira tí o final era so cousa de ter unha escaleira onde sentarse, unha cámara e un anaco de tempo de recreo para telos a todas-os como paxáros nun columpio. Non sei onde andarán os do Belén pero hai una pastorica na marxe dereita que non tivo un bo día.Debe ser a única que estaba cansa e aburrida. Ou, o mellor, é que para unha vez que ía gañando ao truco van e chaman a filas para un retrato. A miña foto desta época ten un furado. Agora mesmo non sei que era o raparigo ou rapariga ao que descabellei. Fai moito tempo que non a vexo e agradezoche que ma fagas buscar. O mellor ainda corto algunha que outra cabeza. Educación vivo a educación. Premio para quen teña unha foto de toda a clase subida a unha árbore ou xogando con normalidade.A foto é preciosa.Distinguense incluso as loiras das morenas, os raspas dos que non se enteraban de nada e xogaban as canicas.

Ana Bande dijo...

Veña esa foto legnaresa, xa está tardando.

Anónimo dijo...

Grazas, Ana, polas túas palabras cheas de cariño, respecto e saudade...

Lula Fortune dijo...

E que de grupo non teño... só desas cun libriño e cara de medo. Non sei se valerá para o que queres. Bicos.

Ana Bande dijo...

¿desas que nos facían sentados nun pupitre cun mapa de fondo? ¡meydey!¡meydey! pon, pon, menudos tempos...