Ás veces pregúntome se as causas estructurais do noso subdesenvolvemento non serán moito máis simples que moitas das conclusións que tiramos dunha combinación sempre demasiado teórica das estatísticas e o método científico. Se o tempo é o principal factor de producción, tanto no pre como nos post capitalismos -a ver quen se atreve a poñelo en dúbida- a pouco que ollemos con certo interese ao noso redor e apliquemos o indicador máis común de productividade -poñamos por caso o precio da hora de traballo dun mileurista, sexamos optimistas- está ben claro que ibéricos en xeral e galegos moi particularmente, temos unha morea de tempo que perder gratuitamente. Velaí pode estar a cerna da insoportable levidade de tanta e tanta liña cara abaixo como amosan memorias, informes e gráficas máis ou menos adulteradas polo tu(r)nante partido no poder. Esoutro día cando baixaba por tabaco -síntoo polos non ou/é ex fumadores, tantas experiencias que se perden, diso falarei próximamente- atopei a A., un profesor que leva anos impartindo docencia nos USA e comezamos unha conversa moi animada e interesante. De socato, e respetando o modus operandi da poboación aborixen nos bares de barrio na derradeira hora, o intruso e as súas cervexas invadiron a nosa conversa coa súa enferruxada verborrea, máis estragada aínda pola persistente couza dos tópicos que polo alcol que acendía o seu discurso. Logo duns minutos, A. ergueu o seu enorme brazo imitando ese aceno co que o árbitro sinala o tiro indirecto para poñerlle fin á situación, cunha educación, contundencia e eficacia que me valeron moito máis que cincocentas páxinas de calquer manual de management, planning, staffing, leading, controlling ou organization.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Con que o tempo é o principal factor de producción, eh? Se te colle un marxista por aí, esfólate viva!
jajajajajaja....agardaba dende hai días esta axeitada crítica canciño...quenonpareamúsica!
Publicar un comentario