Imaxe: Brian Dettmer
A dualidade obxecto/suxeito atopámola na ciencia e na filosofía dende os comezos. Pensamos que o modo de coñecer presupón a existencia deste par de elementos que existen un(s) independientemente do(s) outro(s). O coñecemento científico tense baseado nesta presunta obxectividade como premisa absoluta. A incerteza de Heisenberg e a física cuántica veu modificar substancialmente os presupostos que se tiñan por seguros ao introducir este elemento que viña a cuestionar case todo. O feito de que non se poida determinar a un tempo a posición e o movemento no campo subatómico leva a cuestionarse seriamente a efectividade da parella obxecto/suxeito, porque o observador interactúa co obxecto observado (ao medir unha particula, esta muda, irremediablemente a súa posición). Esta relación conflictiva obxecto/suxeito exemplifícase moi ben no relato de C.P. mediante as personaxes do detective e o tipo que investiga. Unha proxección ao campo da vida cotiá do que ocorre no laboratorio. Unha derivación da sindrome de Estocolmo que fai que o observador se identifique co obxecto de investigación. Un observador que contempla a posibilidade de que o fenómeno exista só polo feito de ser pensado-observado é proba da existencia de múltiples realidades creadas a partires da interactuación desta parella de feito (obx/sux). Cicais por iso o suxeito (detective) vai decatándose pola identificacion co obxecto para non perderse nunha multiplicación desbordante de posibilidades. Os personaxes tamén son obxectos de laboratorio, porque o autor (aqui tamén narrador) deixa pegada de que vai construindo o texto nunha das multiples direccións que se lle plantexan. Así que o texto mesmo é un producto totalmente aleatorio nunha relación causa/efecto que xa non ten a consistencia de tempos non tan remotos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario