sábado, agosto 31, 2013

La lie de la Terre, Arthur Koestler (II)

imaxe
...entregoume unha caixa de cartón que contiña uns vinte libros vellos en francés que porfiaban pola súa supervivencia entre presadas de po e moreas de lepismas e anóbidos famentos. Non era cousa de rescatalos a todos, así que decidín salvar a Koestler do insaciábel apetito dos coleópteros. Logo sentei na do Cholo e pedín unha clara e un coitelo disposta a dar conta dun xantar exótico pero prometedor. Destripar un libro intonso na época do e-reader ven a ser como unha performace a xulgar polas olladas dos clientes que guichaban á miña beira o extravagante acto de debullar un libro. E foi así, de xeito completamente inconsciente, como abrín o cofre do tesouro. Entre grolo e rascadura ía sentirme transportada á mañá na que se firmou o pacto xermano-soviético, ía coñecendo as terrazas de hoteis onde Arthur e G. lían nos xornais con incredulidade os primeiros movementos do que sería a catastrófica demolición dun continente. Ían aparecendo personaxes que por non seren de ficción perecerían afogados, envelenados, torturados. A liña Maxinot que non separou o ben do mal. Ernst Weiss, Walter Hasenclever, Willi Muenzenberg, Zeev JabotinskyKarl EinsteinLeon Feuchtwängler, Paul Froehlich, Friedrich Wolf. Teño que ir á Wikipedia para saber deles. Non quedou case pegada deles. Son vidas descatalogadas, só recuperables por buscadores de tesouros en librerías de vello. Mesmo Koestler case non se reedita. A miña pericia lectora co francés deixa moito que desexar pero non preciso dicionario. Os parágrafos amoréanse en páxinas pares á velocidade dos postes que vexo pasar nun tres de alta velocidade....



1 comentario:

A. Garcia Portela dijo...

De Koestler lein Do cero o infinito e foi un tipo sorprendente, foi presidente do club de suicidas en Londres e axiña quedou vacante o posto.
Un saúdo