A M.Enrique Prado
Grazas á visita do amigo M.E. e ao agarimoso post de Arume rescato un dos meus borradores. Comezo por salvar do esquecemento a Emilio González Ferrín, do que xa falei hai tempo. Fará xa dous anos que M.E. me falou desta obra mentres procurabamos non sei que libro na sección de filosofía. Lamentábase daquela de que estaba esgotado e que non me sería posible atopalo. Os anaqueis das nosas librarías están ateigados pola enxurrada de novidades que pasan alí prisión preventiva, xa sabemos. Pero felizmente, uns días despois remexendo entre libros vellos na feira de ocasión merquei este Premio Jovellanos por un par de rupias. Agora prometín regalarllo, bueno, mais ben intercambiarllo por unha recente tradución do árabe que ven de publicar. Hai moito tempo que lin o libro de Ferrín, e agora as notas que tomara daquela non conseguen redibuxar exactamente o fío da narración. Lembro referencias introductorias moi atinadas que o autor empregaba para xustificar o seu estudo. O ser humano é seguramente un animal relixioso que non deixa de inventar deuses, di, como no relato borgiano "As ruinas circulares". A orixe das relixións como forma de superstición. A antropormofización, o poder da palabra, o tránsito do politeísmo ao panteísmo, o subseguinte temor de deus dando orixe ao monoteísmo. Enfiando textos sagrados, literatura e investigación, bota man da Biblia, de Garcia Márquez, de Presedo Ledo, de Wittfögel de Góngora, etc, nunha introducción fascinante que xustifica a lectura atenta do texto. Pareceume moi pertinente a visión das tres principais relixións monoteístas en función da relación do home con Deus. Un servo, un socio ou un fillo, no islam, no xudaísmo e no cristianismo respectivamente, e a decisiva importancia do entorno, sobre todo no primeiro. O deserto. Teríamos que habitar neste medio hostil para comprender mellor as relacións entre a Torá, os Evanxeos e sobre todo o Corán. Ferrín sitúanos no mapa monoteísta no que se desenvolverán estas diversas relacións do home con Deus, detense nunha explicación da linealidade do tempo monoteísta e sobre todo na evolución da palabra a través da reconstrucción da historia dos profetas. Atopei especialmente interesante a súa insistencia na importancia da umma, a comunidade de crentes, para entender aos musulmáns e atopar vías de conexión coa problemática actual e os fenómenos terroristas que maliciosamente se identifican hoxe cun xeito de referirse ao Islam. Un mundo por descubrir o da poesía árabe, onde todo é música e resonancia, na etapa da yahiliyya, a ignorancia. A transmisión memorística dos versos nunha etapa que convirte a palabra do pobo en sagrada. Imrul Qays, o poeta Tarafa, as mualaqat, versos colgados do templo da Caaba, Zuhayr, as poetisas Al-Jansa e Salma, Labid e tantos e tantas dos que descoñecemos absolutamente todo. Unha interesante lectura guiada do Corán interpretado dende dentro e dende fóra que Ferrín considera un valor cultural absoluto do que todos podemos benefiarnos, especialmente hoxendía cando tantos o empregan como arma arroxadiza. Concordo con el, algo nos estamos perdendo no exclusivismo tecnócrata que valora máis unha imaxe que mil verbas. A devaluación da palabra é a da mente.
3 comentarios:
Así me gusta. E ti usurpando ao país esas túas palabras. Arrecarallo, que non están os tempos para aforrar talento.
"Que ben que ven" de publicar unha traducción... aaargggghhh... y yo con estos pelossss...
si oh...hai que quitar moito pó de dios...ei canciño ¡arriba con ese bló!
Publicar un comentario