Vou cara o comercial, hai que superar prexuizos. A famosa triloxía terá que agardar pero darei conta dela. Convenceume Vargas Llosa naquel artigo (outro prexuizo a superar), pero sobre todo convenceume Chis e Lula , entre outras. De momento estou con este desacougane blues seguindo as pegadas de Watanabe, a ver que decide facer coa súa tristeza. Non me gustan moito as historias de amor pero, o dito, hai que superar prexuizos e xa levo tres chanzos nunha subida que me está procurando un lecer como lectora polo que xa devecía dende hai tempo. Tema superado o amor adolescente. Pode que sí. E máis a estas alturas da vida. Pero para xs que procuramos que esa explosión hormonal nos siga axudando a enfrontarnos á cruda realidade, esta lectura é un bálsamo que cura as consecuencias da nosa extrema escolla racional perante a vida. A medio camiño de Tokio estou disfrutando coas "deformacións" de Naoko e coas frikadas de Midori, e a derrota dos que van morrendo, que son moitos, nesta novela que reflexa unha inútil batalla contra a vida. Murakami lévame polos barrios de Tokio, por esa sinistra residencia onde Naoko trata de recuperarse da súa "deformidade", que me lembra tanto esoutra ribeira escura, onde se amorean os inadaptados, os castigados pola súa incapacidade para verbalizar ou por ver demasiado claro. As personaxes femininas completan un cadro interesantísimo de mulleres que toman decisións definitivas. Aí está Reiko. A súa mente fixo "crak" moitas veces, ata que decidiu apartarse para non contaxiar aos que aínda teñen posibilidades de atopar a felicidade. E Watanabe intentando comprender tanta contradición e tando sufrimento. Procurando solucións efímeras para poder sobrevivir día a día a insoportable transcendentalidade da vida. Non sei como rematará a historia, pero este blues, de momento, estame a parecer un libro altamente recomendable para adolescentes crónicos e anacrónicos. ¿e faleivos da banda sonora?. Un gustazo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
2 comentarios:
Hai tempo que veño entrando no teu blog e non me resito a agradecerte a frecura que me inspiras, ademáis sabendo que temos a Chis como amiga común.
Unha aperta
Grazas Selina, encantada de "coñecerte", agora mesmo premo no teu nome azul, a ver se hai sorte e tes un adosado por aquí.
Publicar un comentario