viernes, diciembre 10, 2010

Portrecista


Imaxe tomada da páxina do documental

Wilhelm Brasse, un ex-prisioneiro de Auschwitz-Birkenau, fotógrafo, sobreviviu ao horror porque foi obrigado a documentar o que se facía alí dentro e salvalo do lume só por uns segundos no momento da chegada dos rusos. Sempre son estremecedoras ata a náusea estas historias pero quedóuseme na retina e no estómago a foto destas catro nenas as que W.B. tiña que retratar espidas antes de pasar polas mans de Mengele. Tiñan vergonza, cóntanos o retratista, claro, porque non é nada normal ter que estar espidos xunto con outra persoa para que te retraten, tiñan tanto medo ata de min [...] deilles un anaco de pan que gardaba para estas ocasións...Seica W.B., unha vez liberado, non foi quen de volver coller unha cámara. Conta outras historias, todas cun irremediable final tráxico mais que non son quen de agochar a beleza que se atopa ata no peor dos infernos. Como esta nena que aínda conservaba a saúde precisa para quedar así de guapa para a historia. Ollen a terceira fotografía e díganme se non é unha preciosidade esta pequena. E logo estaban aquelas flores que un día prantara sen moitas esperanzas naquel bulleiro. Mandáronlle facer miles de copias para facer as postais que enviaban os oficiais dende o campo. Trátase dun traballo de gran calidade, unha montaxe exemplar da que destaco a calidade musical que engade a compositora Agata Steczkowska. De novo, grazas Asia, pola túa visita e por este agasallo tan especial.

No hay comentarios: