[Foto]
De Stefan Zweig hai que lelo absolutamente todo, dende as obras menores, como este delicioso relato, ata as memorias, das que din conta hai pouco, pasando pola obra dramática, o ensaio ou a biografía. Pagaría a pena aprender alemán só por non perder a sonoridade das súas frases, porque estou segura de que este home xenial amoreaba verbas coa delicadeza coa que os seus admirados compositores elixían as notas para as súas sinfonías. Mendel o dos libros, conta a desgraciada historia dun libreiro de vello orixinario da Galitzia, e vendedor ambulante con posto fixo nun deses cafés vieneses que son xa un símbolo dunha Europa xa desaparecida hai máis dun século. En Jakob Mendel, o libreiro, atopa Zweig por primeira vez o vasto misterio da concentración absoluta que proporciona tanto ao sabio como ao tolo de remate esa tráxica felicidade e desgracia da obsesión absoluta. De Jakob Mendel fai o autor un retrato psicolóxico tan armonioso e profundo que ao cabo da lectura pensa unha que de contar coas destrezas dun Lucian Freud podería debuxar exactamente a este individuo. S.Z. é un compendio cultural de toda unha época. Coñeceu persoalmente ás persoas máis relevantes en todos os eidos da creación, tanto no humanístico como no científico e daqueles de cuxa relación directa non disfritou e que constituían para el cumios do saber nun determinado campo, ocupouse de coñecer a súa vida e difundir a súa obra. Lembro por exemplo a Mesmer, médico e magnetizador paracélsico, precursor do hipnotismo do que falou no seu libro A curación polo espiritu (Mesmer, Mary Baker-Eddi, Freud). Outra carácterística que temén se amosa no resto da súa obra é a súa querencia por unha Europa dirixida ao horror...pouco a pouco este mundo, desenganado pola súa propia demencia, sabe que de todas as atrocidades e abusos criminais desta guerra ningún ten sido máis absurdo, máis infundado e, polo tanto menos disculpable desde o punto de vista moral que a detención e confinamento tras alambradas de espiño de civís desprevenidos, moi lonxe xa da idade regulamentaria para prestar servizo no exército, persoas que durante moitos anos tiñan vivido nun país extranxeiro como nunha patria e que por crer no dereito de hospitalidade, sagrado ata para os tungusos e os araucanos, perderon a oportunidade de escapar a tempo...Un crime contra a civilización cometido sen sentido algún en Francia, en Alemania e en Inglaterra, en cada terruño desta Europa nosa que perdeu por completo a razón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario