sábado, noviembre 05, 2011

Melancholia, Lars Von Trier

Compre esquecer os prexuizos contra L.V.T. para apreciar a súa obra. A súa teima por exercer de enfant terrible é simplemente unha estratexia de marketing, nada orixinal, por outra parte, e que afecta a moitos directores estrela. As súas películas nunca nos deixan indiferentes. Ten unha habilidade moi especial para crear situacións que poden parecer absurdas e artificiosas pero non podemos negar que consegue enlearnos nas súas historias e sobre todo poñernos na pel dos seus desacougantes personaxes. Kirsten Dunst e Charlotte Gainsbourg representan a dualidade fronte ao destino tráxico da especie. A fin do mundo, nin máis nin menos. Kirsten Dunst, a "tía rompe-aceiro" representa a valentía fronte ao saber más terrible pero é tamén a personificación da debilidade do home consciente da súa irrelevancia. Charlotte Gaingsbour é a outra cara da realidade, a síntese das dúas forzas que loitan en toda existencia, a covardía do que non quere enfrontarse a un destino que intúe catastrófico e a valentía e a forza do humanismo. Nas derradeiras películas de L.V.T. hai unha preferencia polos personaxes femininos nunha constante idenfiticación da nai coa natureza. Quedan en segundo plano os homes, relégaos o director conscientemente ao secundario, cicais porque considera que serven mellor para representar a banalidade dos intereses e valores máis materiais e ahí entra tamén o amor. Así me parece a min que ten sentido toda esa primeira parte adicada ao ritual da boda no que xoga un papel fundamental a nai da noiva personificada extraordinariamente por Charlotte Rampling, unha muller que xa perdeu absolutamente a confianza na bondade da especie. A outra cara da moeda está representada polo pai, John Hurt ao que trata de aferrarse sen éxito Kirsten Dunst na procura dunha esperanza que sabe infundada. Co resto dos personaxes podiamos establecer tamén parellas nunha trama perfectamente artellada e significativa. "Intenteino" é, para min a verba clave da película. O berro desgarrador da noiva que se debate desesperadamente por formar parte da traxicomedia da vida. Non o consegue. Iso é o imperdoable de L.V.T., que non deixa moita marxe á esperanza. Pero ao cine non imos a confirmar as nosas ilusións ¿ou si?

No hay comentarios: