Parafraseando a un amigo anglofilólogo diría que é moito máis difícil ser rubia e perigosa que parecelo. O arquetipo de femme fatale é o resultado dunha teima masculina milenaria que debería ser estudada e respetada polas aspirantes a esta privilexiada orde. Sería unha mágoa desperdiciar as vantaxes que para a muller de hoxe (e non só para as rubiasperigosas con carné) pode supoñer o coñecemento en profundidade destoutro feminino que non cansaron de rescribir, pintar, modelar, ano tras ano, século tras século. Desgraciadamente, a pandemia do light chegou para quedarse tamén aquí e son demasiadas xa as pseudorubiasperigosas que non provocan un miserable asubío baixo andamio ningún. Esta historia que lin hai tempo pode valer como recordatorio para algunhas despistadas. Gloria Stella aprobaría con nota, só hai que imaxinala saíndo do jaguar ou do jacuzzi, atravesando a porta da comisaría, saíndo do despacho do abogado....pero sobre todo ollala cando está soa, vela gozar e disfrutar do seu tempo, sen lembrarse sequera do tempo que lle levou argallar a morte dese detective tan pesado que tremía só con intuir a mínima abertura no seu vestido. E que, nenas, hai que voltar ao rego, que estades esquecendo o dousmáis dous. Aínda ides acabar co xénero.
Xa, si, todas espertades sospeitas, corredes a cotío o risco de que vos tomen por artificiais, pero é que iso é aínda máis pertinente, a dúbida, a ambigüidade ten que xogar a favor. Pensade en Lauren Bacall ou na impresionante Lizbeth Scott, esa rubia platino que enmeigou ao Humphrey ao longo de toda aquela preciosa historia...
1 comentario:
Mmmm, creo que nos gusta Liz Scott...
Publicar un comentario