Que os exipcios movan os fíos non ha de ser pouca cousa. De momento, atopo moreas de razóns para a ledicia. Cicais o que máis celebro é a demostración de que os tópicos que absurdamente construimos e mantemos sobre o mundo islámico son só iso, mentiras que nos contamos a nós mesmos para crernos o cerne da civilización. Estiven alí hai tres anos e as cousas non me cadraban. Vin moita xenerosidade na miseria. Os turistas non adoitaban saírse do rego, pero só con que te perdeses uns minutos polas súas ruelas deixabas de ver o lixo porque literalmente os nenos te comían a bicos, as mulleres sorrían e os homes comerciaban coas lindezas que sabían que querías escoitar. Nunha escapada que fixemos pola preciosa cidade de Esna atopamos un lugar estraño. Esquecendo os ridículos consellos duns guías que falaban do seu propio país en termos de absoluto desprezo entramos nun patio no que unhs homes se esforzaban en explicármonos o que facían. Non vin perigo por ningures. Só sorrisos e afectividade. Gústalles o contacto físico. Esa cousa arrepiante de tocarse que nos resulta tan repelente aos exquisitos occidentais. Saímos sen entender nada pero moi reconfortados pola emoción con que nos recibiron no teu terreo. Foi unha viaxe tremendamente accidentada porque case todos resultamos intoxicados. Houbo quen malia andar polos corenta de quentura non se resistiu a perder a festa da chilaba e alí estaban, patéticamente disfrazados e coa cara pintada de tutankamones bailando unha música que resultaba arrepiante no medio do Nilo sen medicamentos e sen saber a causa do noso malestar. Pero os turistas somos unha especie resistente. Lembro que cando lle dixen a un destes turistas full time que sería mellor que se deitase e bebese líquido ou que compartise medicamentos co resto do grupo contestoume cun discurso enrevesado no que eles se erguían nos progres que non ían asustarse por un prexuizo que os demais seica tiñamos con respecto á hixiene e condicións dese país. Que medo os progres. Uns poucos decidimos coidarnos solidariamente e asistimos abraiados a unha función sobre o perigo do absurdo. Tan absurdo como pensar en termos de marxinación con respecto a estes pobos que estan a amosar un comportamento político exemplar. Algún comentarísta dixo xa esta tarde que ogallá en España tivéramos o valor de saír á rúa aínda que fose un mes antes da morte do vello para pedir liberdade. Agora toca celebrar e agardar que estes millóns de cidadáns termen con forza do que conseguiron ata agora. E de paso que se decaten de que nunha man levan a bandeira da liberdade pero que coa outra terman dunha muller á que manteñen agochada baixo o insoportable manto do atraso e a dominación.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario