[Foto] Non sentir unha pulsión delictiva por apropiarse de Venecia é unha impostura imperdoable incluso para os mercenarios da literatura rápida. Se algo puido comunicarme a cidade é que nunca a poseería. [Brodsky, 19]. Agora que xa teño un anaco de ceo reservado en exclusiva penso que non me importaría visitar Venecia aínda que fose acompañada das hordas en pantalón curto que rinchan en aleman [B.,24]. Ben, pero aquí viñemos falar dun libro. Howells comeza comparando a cidade cunha representación teatral á que fora convidado nunha localidade dende a que era forzosa a observación de todo o "truco" da acción. Ver o manexo da maquinara entre bastidores non fixera que a obra perdese para el un ápice do seu encanto sendo como era tanta a beleza e a verdade que había na actuación. O carácter ilusorio, esencial en todo espectáculo dramático, fóra unha condición sen importancia. A mesma sensación lle proporcionaba a cidade. A mesma grata inverosimilitude que o teatro amosa cara a vida diaria era a que lle ofrecía a Serenissima. A partires destas comprometidas verbas iniciais o autor descúbrenos unha cidade completamente distinta á de hoxe. Eran os anos 1860 a 1865. A dependencia de Austria tiña afundido á cidade nun monumental estado de depresión. Os cidadáns alimentan diariamente a súa xenreira e desprezo fronte á falta de liberdade debida á dominación Austríaca do xeito máis tráxico: mergullándose no autoabandono. Howells o conta cunha retórica un pouco anticuada ás veces, pero consigue un efecto impresionante pola agudeza e detalle das súas descripcións. Comezo o libro, para seguir coa metáfora teatral, coas luces totalmente prendidas, o ceo radiante, o brillo dos colores venecianos como base da retina e páxina a páxina experimento unha desagradable sensación de pérdida de cor, de envellecemento anormalmente acelerado. Venecia foi sempre consciente do valor da súa impresionante beleza, pero tamén foi a maior empresa mercantil do mundo, por iso cicais sabe das rendas de empregala como moeda de cambio segundo a ocasión o requira.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Desexo que axiña cumpras o teu sono de viaxar a Venecia e tamén que escribas aquí da súa beleza, das súas cores e do seu feitizo.
Publicar un comentario