sábado, mayo 21, 2011

A estética da revolución


Foto El País

A onda revolucionaria prendeu con forza, diso non cabe dúbida. Non creo que nin os protagonistas agardaran o éxito da súa "quedada", e dende logo, a parte contratante, está tan despistada que nin o espelido Rubalcaba disimulou a obrigada claudicación de manter aos guardia "a raia" para evitar o que sen dúbida sería un camiño de non retorno. O despiste xeneralizado é un dos maiores perigos que pode estragalo todo. Os grandes partidos seguiron ollando cara seu embigo e deseñando estratexias de "quitate ti para poñerme eu" coma se na rúa só fosen catro rastafaris tocando o ukelele os que querían facerse notar. A Xunta Electoral debeu sentirse por primeira vez na súa existencia como un órgano con capacidade para poñer orden nun país que pensaron que era un grande patio de colexio. E o Goberno, voluntariamente -si, voluntariamente- tivo que meter a man na auga fervendo perante o sorriso malicioso dunha dereita parapetada no súa voluntariosa ignorancia de absolutamente todo o que se coce nunha rúa que non é deles. Mentres, os mozos e mozas de case todas as cidades estanse afacendo a unha estética moi nova e atractiva na que gozan por vez primeira do protagonismo dunha película na que son guionistas, directores, productores, actores e público. Gústanse falando en público, presentando propostas, inventando códigos, aparecendo nas portadas dos medios, deseñando pancartas e inventando lemas. Estanlle collendo gusto á cousa, é normal. Hai un contaxioso efecto de estar a protagonizar un cambio que aínda non saben cara onde vai nin como facelo. Nos xornais máis importantes pode ollarse as vintecatro horas do día en directo o que está a acontecer nas prazas das principais cidades, e Sol, con ese cheo total e con eses plásticos azuis e eses altofalantes que nos retransmiten música e discursos e aplausos e ata a respiración do grupo contaxia dignidade. Imaxino que o outro poder -porque o das rúas xa case é incuestionable- estará a esprimer os miolos para tentar que isto remate pronto e ben porque os indignados están pensando en quedar nas prazas sine die. Poden e queren e saben facelo. Non esquezamos que todo isto comezou no 7A nas aulas universitarias. Son xente estudiada e enseguida se decataron das debilidades e ameazas do proxecto que estaban deseñando. E cada día engaden máis inputs e aproveitan mellor as súas fortalezas e oportunidades, que non son poucas. Ao resto do país, aos que os veían como fillos de papá que non teñen nada mellor que facer que fumar canutos e pintar a mona agora están véndoos protagonizar telediarios e coller decicidamente o altofalante para enfiar discursos que non precisan de moita retórica porque teñen a realidade da súa parte. Son cicais a primeira xeración de nativos dixitais e manexan as ferramentas sociais da rede cunha eficacia que deixa obsoleto ata ao marketin viral. E todo lles favorece, aínda que chova, así que a ver que pasa....

3 comentarios:

crispavon dijo...

dende logo é un inmenso pracer ver a esta xente ata agora tan calada, tan resignada, encher as prazas e as pantallas tv con algo relevante e máximamente cívico.
e ver, aínda que sexa de esguello, a cara de incredulidade e de mecajoentodo de moito político, mesmo escoitar a Cospedal protestar na tve xq lles dan moita cobertura, quitándolla a eles, aos que fan 'algo' (!!!)
asi que hai que achegarse á Farola a reflexionar un pouco, un pouco bastante

Paco E. dijo...

O primeiro paso está xa dado. Agora hai que tumbar a porta; hai que ir a por todas. Debemos recuperar o que se nos roubou de xeito tan descarado. O mundo é noso e a ninguén se lle pode permitir que se proclame o seu dono. Saude e sen piedade.

alma dijo...

Pois si Cris, un pracer coma poucos, para meu gusto excesivamente civicos, pero bueno, ao mellor agora as revolucións fanse así, reciclando, barrendo rúas e aplaudindo axitando as mans para non espertar aos ladróns, en fin, eu que sei, eu vou por alí todos os días a disfrutar, o da Cospedal e tan ridículo coma todo o demais, cicais habería que incluir entre as propostas que devolvan todo o diñeiro das campañas porque para o caso que lles estan a facer...

Paco, Paco, Paaaaaacoooooooo, que aínda estamos a tempo de queimar algunha igrexa xa de paso, iso si, logo hai que recoller todo o lixo, aínda que sexa sagrado, saúde tamén para todos vos!

....ai jasúsdiormío, menos mal que andaba rubalcaba por aquí que se lle toca todo esto a Acebes menuda a que se montaba!!!!